A morte da conversa tranquila

Celso Currás EXCONSELLEIRO DE EDUCACIÓN

OPINIÓN

MONICA IRAGO

Dúas persoas charlan na terraza dun bar cando soa un teléfono. Responde unha delas, que se separa de súpeto para falar mentres o seu interlocutor queda coa palabra na boca. Ao rematar, volve sentar e cando reinicia a conversa sóalle ao compañeiro o aviso de WhatsApp. Ponse a atendelo e, cando finaliza, pregunta: «Estabas a dicir algo? Por certo, mira as fotos do cumpre do meu fillo». Ao final resulta imposible falar e escoitar con acougo e hai que someterse á ditadura das tecnoloxías, nun proceso de hipercomunicación, a maior parte das veces intranscendente e fría, centrada na inmediatez e na repetición constante de mensaxes estandarizados.

É tal a obsesión que o aparello ten prioridade absoluta e ás veces estraña que non soe, o que produce ansiedade ao dono, quen acaba por miralo detidamente coa esperanza de que mentres tanto se reciba unha chamada ou mensaxe. Cada vez é máis frecuente atopar en lugares públicos a persoas solitarias, agarradas á máquina e absortas ata o punto de correr o risco de tropezar ou de seren atropeladas.

Sacrifícase a conversa pola conexión, prescindindo da proximidade e da empatía, esquecendo a necesidade de contacto físico e de intercambio de sentimentos cara a cara, mirando aos ollos. Xa non se sabe escoitar nin, o que é peor, expresarse correctamente a nivel oral. Vocalízase mal, córtanse palabras, elévase o ton da voz e empréganse expresións impersoais e alleas.

O problema vén da base, da familia, na que se adquiren as futuras pautas de comportamento. E hoxe no fogar non hai comunicación, non se fala nin se escoita, pois cada un dos membros anda ao seu, sen preocuparse do que pensen ou sintan os demais. Mentres o pai mira a televisión a nai navega con outro aparello e os novos están absortos nos videoxogos. Preocupa máis a vida e milagres dos persoeiros famosos que as inquedanzas e intereses dos fillos. Non se están a aproveitar os posibles momentos de unión familiar para falar e escoitar con acougo, para inculcar valores e hábitos, é dicir, para levar a cabo a imprescindible educación familiar.

O primeiro pau que levou a comunicación na casa foi a instalación da televisión na cociña ou na sala de estar. O definitivo foron o resto das tecnoloxías, que xa se teñen convertido nos auténticos educadores, substituíndo os pais, nun proceso de irresponsabilidade educativa cada día máis preocupante. A solución non é difícil. Tecnoloxías si, porque hoxe son imprescindibles, pero con control moi rigoroso desde os primeiros anos do neno, dosificándoas segundo a madurez e prescindindo radicalmente delas cando toca unha conversa tranquila e educativa.