Trece pasos

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

NEIL HALL | EFE

16 sep 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Paula Carballeira, unha das mellores contadoras, acaba de ser galardoada co Premio Nacional de Literatura Dramática pola súa obra As alumnas, un texto que fala da importancia da educación e do labor das mestras ao longo da historia.

Outro título da nosa Paula é Trece avisos, un libro de relatos de medo, moi real e auténtico. Sei que lle arrincará un sorriso saber que me fai lembrar O misterio das badaladas, de Xabier Docampo, outro orador inigualable. O trece é un número singular. Hai quen di que todo son lendas, pero tamén realidade.

Angélique Cauchy pode corroboralo. Cando era unha adolescente converteuse nunha das grandes promesas do tenis. Era unha moza traballadora, sacrificada... deportista. Quen podería sospeitar que vivía un inferno e adestraba totalmente aterrorizada mentres rendía nas competicións?

Debía arrearlle con furia, e non forza, á raqueta. Porque Angélique, menor de idade, estaba sendo violada polo seu adestrador. E si, ela era quen ía ata o cuarto de Andrew Gueddes, porque se era el quen se coaba no dela non podería fuxir, non cesaría o terror. Así, camiñaba os trece pasos que separaban as estancias e, cando a violación consumaba, podería marchar.

Trece pasos. Cada un deles conducíaa á barbarie, á crueldade. Pero non dalos supoñía unha atrocidade maior, por iso se debatía entre continuar polo corredor ou lanzarse ao abismo. Dúas décadas despois, segue intentando sobrevivir.

A educación segue a ser indispensable. As alumnas seguimos necesitando protección.