Que alegría volver a ver ao Rolán! Leva vintecatro anos nas Canarias. O outro día sentou coa cuadrilla. Está coma sempre, pero moi moreno. Díxonos: «Alí hai sol de día e de noite». A calor é unha das grandes riquezas das Illas Afortunadas. El coñéceas todas: as praias, o mar, a arte volcánica, o mojo picón, a virxe do Pino e... O Mariló non deixou que seguise enumerando as potencias canarias. Interrompeuno. Preguntou que fixera durante tantos anos. O primeiro traballo foi nun autobús. Guagua, chámanlle os canarios. Un autobús turístico. Percorreu todas as estradas. Unha semana en Tenerife. Outra, Las Palmas. Porén, el sente admiración pola Gomera. Case lle caían as bágoas cando recordaba a segunda illa máis pequena das Canarias. Emocionábase ao lembrar o pico de Garajonay, o mirador do Morro de Agando, a praia da Guancha, tan solitaria... O Bernardo tivo que pasarlle o vaso de viño para que aclarase a gorxa e puidese seguir falando. Continuou: «Todo é superior na Gomera. Pero hai algo que en ningún lugar do mundo igualan». «Que?», preguntamos. Contestou, rotundo: «O asubío gomero». Todos escoitaramos falar do «silbo gomero», pero nunca con tanta emoción. Dixo que agora, que se poden falar varias linguas no Parlamento, había que reivindicar o «silbo gomero». Con tradutor ou sen el. «Non me digas que ti dominas esa linguaxe», preguntei. El só sabía unha expresión, a mesma que profería aos turistas cando abandonaban a guagua: «Señores, acabouse!». Meteu un dedo na boca, despois outro, tomou aire. Case afoga. O Juan Ramón comezou a suar, preocupado. O Rolán dixo: «É o único que puiden aprender en vintecatro anos». Deron as dez. O vello amigo marchou. Asubiando.