
A investigación de Esade, publicada hai uns días por este xornal no marco dun bo traballo de Sara Carreira, abonda na urxencia de revisar o mapa escolar de Galicia, cousa que vimos recordando desde hai xa ben anos. As últimas modificacións foron as establecidas por dúas leis de ámbito estatal: a Lei Xeral de Educación, de 1970, creaba a EXB de oito anos de duración, mercé á cal se construíron en dúas décadas a maior parte dos actuais colexios de ámbito local ou comarcal; e vinte anos despois, no 1990, a LOXSE, regulaba unha nova estrutura escolar, vixente hoxe, que aumentou en dous anos a escolarización obrigatoria, dando orixe á ESO. A consecuencia máis discutida, en especial no ámbito rural, foi que os cursos 7º e 8º de EXB, que pasaron a ser 1º e 2º da ESO, tiveron que deixar de se impartir en centros de primaria para pasar aos de secundaria.
Por esta causa houbo unha grande mobilización en Galicia nos últimos anos do pasado século, en especial porque moitos alcaldes negáronse a que os alumnos de 12 e 13 anos saísen dos seus concellos para asistiren a institutos de concellos veciños e demandaban, para evitalo, a construción de centros de secundaria. Unha das medidas tomadas para paliar esta problemática foi a creación do centro público integrado (CPI) no que se escolarizan tres etapas: educación infantil primaria e ESO.
No ano 1998 facíase pública a rede de centros docentes, vixente hoxe sen apenas modificacións. Por suposto que tivo erros, pero estes debíanse ter corrixido ao longo deste cuarto de século aproveitando o constante descenso e mobilidade da poboación. Cada vez é máis difícil e urxente a elaboración dun novo mapa que permita racionalizar o gasto público e evitar desigualdades, que van moito a peor. Sobran edificios, funcionan servizos complementarios innecesarios, ofértanse as mesmas ensinanzas moi próximas, hai grandes diferenzas entre o número de alumnos por aula e cada vez está peor distribuído o profesorado. A maioría das demandas de mellora no sistema, e en especial as de atención á diversidade (máis especialistas en necesidades educativas especiais ou mestres de apoio) poderíase cubrir sen incremento orzamentario se estivese feita esta reforma. O ideal sería levala a cabo no marco dun plan xeral de potenciación do mundo rural. Canto máis tempo pase sen se abordar, máis conflitiva ha ser. Evitemos que ocorra o mesmo que nos últimos anos do século XX, do que podemos dar boa conta os que fomos protagonistas.