Évole, Ternera e os do saco

Siro
Siro PUNTADAS SEN FÍO

OPINIÓN

Siro

30 sep 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

No 2015, o Colexio de Xornalistas de Galicia e o Club de Prensa de Ferrol concedéronlle o Premio Xosé Couso de Liberdade de Prensa a Jordi Évole por ser un activo defensor da libre información e polo bo uso que dela fai. Évole non aproveita a liberdade de prensa para calumniar a ninguén, nin para confundir á audiencia con mentiras e medias verdades. O xornalista Jordi Évole é veraz, obxectivo e rigoroso; e demóstrao en cada traballo. Por iso non se entende que 514 persoas o acusen de branquear a ETA no documental No me llame Ternera, e pedisen á dirección do Festival de Cine de San Sebastián que non o proxectase. Desas 514 persoas ningunha viu a reportaxe, pero todas están certas de que entrevistar a Josu Ternera, o exdirixente de ETA, é branquear a banda. Vale que pensen así familiares das vítimas, que non poden nin queren curar as feridas; pero que o fagan coñecidos filósofos, escritores e xornalistas só se explica pola súa falta de rigor ao trataren do País Vasco. 

Évole tardou tres anos en gravar e montar este documental que mostra un terrorista sen entrañas, e Jon Sistiaga necesitou seis capítulos da espléndida serie El final del silencio para tratar a complexa realidade social de Euskadi despois da desaparición de ETA. Os intelectuais asinantes da carta fano nun plis plas coa técnica do saco: meten no mesmo saco etarras arrepentidos e non arrepentidos, a Bildu, «que tamen é ETA»; os vascos que homenaxean a etarras que saen do cárcere, e o documental de Évole. Remexen, fan un popurrí, unha ola podre en galego, e sírvena a quen os escoita, os ve ou os le. Nin Bildu é ETA, porque ETA non existe; nin recibir con alegría o fillo, o familiar, o amigo é converter os terroristas en heroes; nin Évole branquea a ETA na entrevista a Ternera. Pero iso aos do saco tanto lles ten. Non importa que os espectadores que asistiron ao pase privado do documental comenten que Josu Ternera lles pareceu un monstro; que fillos de asasinados por ETA eloxien o traballo de Évole; que Ternera se sinta defraudado e comente: «No es lo que esperaba. Hicieron lo que quisieron». Os do saco seguen, dalle que dalle, descualificando o documental e os seus autores. Ah! Pero sucedeu algo co que non contaban: Carlos Herrera, a voz da dereita española, viuno e sentenciou: «No blanquea a ETA». E agora que? Agora nada. Os do saco calan, miran para outro lado, e ata outra en que de novo —ver para crer— pidan a volta da censura.

Aos do saco aludiu Jon Sistiaga —nada sospeitoso de compadreo co mundo abertzale— en 2022: «Siguen aventando el fantasma de ETA sin ninguna lógica. Airear el fantasma de ETA es mentir a la ciudadanía». Clarísimo.