Caudillos

Siro
siro PUNTADAS SEN FÍO

OPINIÓN

siro

07 oct 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Se digo que Alberto Núñez Feijoo saiu vitorioso do debate de investidura digo ben porque, aínda que a perdeu, gañou o debate e, o máis importante, o liderado do partido. Véndoo e oíndoo no Congreso, a atribulada familia do PP pasou da frustración e o derrotismo á ilusión e o entusiasmo, e hoxe sábese dirixida por un líder capaz que chegou a Madrid para quedar e triunfar. «Hay toro», dixo un militante cualificado, pensando quizais «na faena» que prepara Pedro Sánchez «Frankenstein».

Conste que as dúbidas eran de catro dirixentes mixiricas e dos catrocentos que desexaban o seu fracaso para sucedelo, porque o electorado do PP creu nel con fe cega desde o primeiro momento. Podía ter Feijoo un lapsus linguae durante un mitin e dicir, como dixo: «Que nadie cuente conmigo para estar en contra de la violencia machista», e a audiencia rompía as mans aplaudíndolle; e se largase a lista dos reis godos, o número de Avogadro ou o terceiro principio da termodinámica, ovacionaríano igual. E iso, haino que recoñecer, só o conseguen os líderes políticos cunha pátina grosa de caudillismo, como Felipe González, Aznar, Fraga, Feijoo e para de contar. Iso e a desmesura nos eloxios porque, rematado o debate, a prensa española encheuse de loadores que ven en Núñez Feijoo o home de Estado intelixente e asisado; e o parlamentario de infinitos recursos dialécticos que, como bo galego, fai da ironía lanza e adarga.

Porén, a proximidade dos acontecementos ao 1 de outubro levoume ao mesmo día de 1936, no que os altos mandos do exército sublevado nomearon a Franco xefe do Estado «mentres durase a guerra». A guerra rematou, Franco non descabalgou e cando fixo a entrada triunfal en Madrid recibírono cen mil bandeiras vitoriosas e enormes retratos seus cos lemas «Franco, Franco, Franco, Arriba España» e «Gloria al Caudillo» nos escaparates dos comercios e nas fachadas de cines e teatros. Todo arranxado polas autoridades e a Cámara de Comercio, claro; pero tamén moitas pequenas tendas participaron espontaneamente con mensaxes propias que resultaron as máis conmovedoras:

«Araceli. Hortaleza, 68. Fajas y Sostenes. Saluda entusiásticamente al Ejército Nacionalista. ¡Viva Franco! ¡Arriba España!»

A adhesión inquebrantable prolongouse no tempo e as fotos do Invicto aparecían entre alpargatas, ferragachos ou follas de bacallau. O xefe local do Movemento tivo que poñer orde enerxicamente:

«Aviso importante: Escaparates con la imagen del Caudillo. Se aceptan, pero con el máximo honor y sin mezclarla, en manera alguna, con objetos industriales para su venta».

Non ten volta. Felipe González, Aznar, Fraga e Feijoo son líderes egrexios, pero Caudillo non houbo máis que un. E abonda.