A guerra de sempre

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

ABIR SULTAN | EFE

12 oct 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Vivía en Nova York, achegada á poderosa e adiñeirada comunidade xudía, cando coñecín unha parella israelí criada nun kibutz que, con vinte e poucos, aproveitaran unha visita á familia neoiorquina polo rosh hashaná para non volver: negábanse a vivir nun país militarizado. «Ademais —dixeron—, non estamos de acordo coa ocupación de Palestina e sería moi difícil para nós entrar en combate por ese motivo”. A segunda intifada fora había pouco, e con eles entendín mellor esta guerra que vai e vén.

  

Os territorios ocupados son xusto iso, lugares invadidos por Israel onde a poboación palestina vive desde hai décadas en estado de sitio. Os actuais milicianos de Hamas son os fillos e os irmáns daqueles críos que morrían metrallados, coas pedras que guindaban aos soldados israelís aínda na man. Foi unha das maiores vergoñas da humanidade que tamén ten como propia boa parte da sociedade israelí, que tampouco acepta a escalada trumpista dun goberno que incumpre os compromisos adquiridos na ONU. Se nos últimos días importantes xornais e membros destacados da sociedade civil e do exército israelí manifestaron comprender o pobo palestino (que non é Hamás), por que a UE toma un partido que tampouco é xeral na súa cidadanía?

Eu, como moitas galegas, comprendo Palestina como pobo oprimido. Eduqueime nas imaxes daquelas intifadas e comparto o seu soño emancipador. Pero tamén entendín, á medida que a vida me levou a celebrar algún bar mitzvah, que do outro lado do muro figura xa a dor pola memoria doutras guerras.

Aprendín daqueles dous primeiros amigos tan israelís que viñan do kibutz, a ser unha desas pacifistas convencidas de que a solución só pasa por negarse a entrar en guerra. E dóeme que a UE e o meu país, clave de tantas paces, non estean á altura.