Desconfiando do sistema

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

DANIEL BECERRIL | REUTERS

17 oct 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

As filtracións das declaracións de Jenni Hermoso ante a Fiscalía, provocan a desconfianza no sistema. Mantívose prudente, discreta e respectuosa co sistema. Confiou todo ao momento axeitado, pero o procedemento fallou. A ela, claro. Curiosamente, de todo o proceso, o único que se coñece, de maneira ilegal, afecta a Jenni. De novo, no foco.

Non a estamos a salvagardar. Nunca deixou de ser vulnerable. Que máis nos queda? Non a protexeu o seu presidente, non o fixo o seu adestrador, tampouco os medios de comunicación, os seus compañeiros de profesión...

Jenni afastouse. Intentou refuxiarse no seu círculo máis íntimo, tamén no fútbol. Pero non só ela puxo distancia, tamén a afastaron.

Non falou. Porque é difícil facelo na súa situación. Tamén porque debía medir ben que dicir e onde dicilo. Así que utilizou a palabra no lugar máis axeitado para facelo. Seguramente pensaba que non estaría máis segura en ningún outro lugar.

O que alí se dixera debía ser confidencial, pero as palabras, como se as levase o vento, chegaron aos medios de comunicación. Por iso agora está pensando en non facer máis declaracións. Porque, quen lle garante un proceso seguro? Non confía. Dá igual pedir responsabilidades a quen realizou as filtracións, a quen as fixo públicas, a quen comercializou con elas... porque o dano a Jenni e ao proceso non ten remedio. Quen me asegura a min que non me ocorra o mesmo nalgún momento? Por que había fiarme? Estas actitudes prexudícannos. Fan perder confianza á sociedade.