Autorías

OPINIÓN

Enric Fontcuberta | EFE

18 oct 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai xa moitos anos, cando a intelixencia artificial só era algo relacionado coa ciencia ficción, alguén afeccionado á fotografía regaloume unha imaxe abstracta tan marabillosa que non dubidei en enmarcala e poñela no corredor da casa, onde estivo exposta varios anos, ata que un día, por puro azar, volvín vela nun cartel publicitario.

A decepción foi grande, porque a autoría non pertencía ao compañeiro que ma regalara e porque neses anos non había dúbidas sobre os límites da propiedade intelectual.

Hai uns meses visitei o alumnado dun centro que lera unha miña novela, e souben por unha profesora que o texto estaba dispoñible en PDF na aula virtual doutro centro, o mesmo ca unha morea de libros en castelán. Axiña dei parte á miña editorial, que se puxo en contacto co devandito centro para que retirase a novela e non rematarmos nos xulgados. O conto quedou aí, e o docente que, sen permiso, colgou as novelas na aula virtual tivo sorte, porque lle puido caer o pelo se Alfaguara ou calquera das outras editoriais chegan a decatarse de que alí tamén había dispoñibles textos do seu catálogo.

Agardan anos complicados para os dereitos de autoría. A folga de guionistas en Hollywood non é máis ca un aviso do que está por vir. Estes días soubemos que o deseño dun logo foi tirado dun banco de imaxes sen respectar o contido licenciado. E chegará un momento en que ninguén quererá pagar por algo que se pode acadar con só premer un par de teclas. Como xa acontece co roubo da voz das persoas, veremos se a intelixencia artificial non é quen de nos roubar tamén, amais da propiedade intelectual, a nosa identidade dixital e a nosa imaxe para nos facer totalmente prescindibles, sen máis dereitos ca o de vermos a nosa proxección e as nosas obras a través dun algoritmo.