
O 12 de outubro celebramos unha festa da galeguidade. De camiño a Ortoño imaxinabámonos epígonos, ben máis maduros, daqueles galeguistas mozos, alegres e cheos de ilusión que ao pé da casa familiar onde se criou Rosalía de Castro concibiron hai cen anos unha nova forma de estudar o pasado para proxectar o futuro. O Seminario de Estudos Galegos nacía, como lembra María Xosé Fernández, coa ambición de emancipar as letras e as ciencias galegas e insuflar modernidade á cultura de nós, expresada na lingua propia. Aquela ilusión viuse frustrada trece anos máis tarde por un golpe de estado contra unha democracia débil, unha rebelión que suprimiu e perseguiu as liberdades que eran a clave do ideario do SEG. Os que non caeron ou marcharon ao exilio acabaron agarrotados pola ditadura e, como non, cheos de contradicións.
Reunímonos na Alameda compostelá convocados polo Museo do Pobo Galego, herdeiro daquel espírito, polo Consello da Cultura Galega e a Real Academia Galega. Flanqueados polos servizos de Protección Civil dos Concellos de Compostela e Ames partimos nunha mañá luminosa, co bo humor acrecentado polas endorfinas ao longo dos catorce quilómetros de marcha por un contorno mellorado e cunha arquitectura tradicional máis considerada, cando hai só unhas décadas o obxectivo era derribar as casas dos devanceiros para superar a memoria da pobreza.
O galeguismo debería ser unha senda común pola que camiñar todos os demócratas que aman Galicia emocionalmente e racionalmente, un lugar de querenzas compartidas que mira o porvir, deixando a terra preparada para que a cultive a descendencia. Ao mesmo tempo que enxalza o país porque o quere e sente orgullo, o galeguismo ten que ser crítico e interrogarse. Que pasa co retroceso da lingua falada? Que pasou co deterioro das cidades e vilas?
Por iso, a identidade é un lugar incómodo; non é unha estancia onde permanecer apousentados na memoria e as lembranzas, tantas veces trastocadas, senón a busca permanente do que queremos ser ou temos que ser. Hoxe en día podemos estar transmitindo unha imaxe contraditoria de Galicia, por un lado festas e enchentes todo o ano e por outro a tristeza e negrura que certa creatividade transmite, como se estiveramos predestinados, sen esperanza.
O galeguismo discorre entre a necesidade de gardar e o desexo de cambiar, abrindo portas para deixar entrar aires de fóra e relacionarse con culturas de todo o mundo, con aquel xeito fresco e cosmopolita dos fundadores do Seminario de Estudos Galegos.