Melloras na educación galega

Celso Currás
Celso Currás A NOSA ESCOLA

OPINIÓN

Ángeles Visdómine | EFE

25 oct 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai que felicitar ao conselleiro de Educación e equipo polos acordos acadados para a mellora da nosa escola, que responden ás demandas da comunidade educativa desde hai ben anos. Con accións como as que veñen de se asinar coa maioría sindical, Galicia, xa situada nos primeiros postos nacionais e mesmo internacionais en indicadores esenciais de calidade educativa, poderá reforzar o seu liderado.

Vai adiante a vella aspiración do profesorado de reducir o número de alumnos por aula, o que contribuirá a avanzar polo menos en catro demandas: atención máis persoal aos nenos que a necesiten, mellora da convivencia, maior dedicación á titoría e dispoñibilidade de máis espazo físico. É un importante progreso na atención á diversidade, gran preocupación actual dos docentes, que se verá aínda máis beneficiada con menos rapaces por clase, cando nela os haxa con necesidades educativas especiais.

Aínda que non está comprobado que unha redución coma esta da ratio alumnos-aula mellore o éxito escolar, si permitirá empregar metodoloxías máis eficaces para a aprendizaxe, sobre todo nos primeiros cursos escolares. Ademais contribuirá a unha convivencia e comunicación máis doadas, ao facilitar a atención e o rendemento dos alumnos dispersos, e a conseguir unha clase tranquila na que se poida traballar sen interrupcións nin perdas de tempo.

Haberá tamén diversas melloras económicas para os profesores, das que destacan as que afectan á promoción profesional. Os docentes en España teñen un salario inicial dos mellores de Europa pero unha pobre carreira profesional, polo que incrementar complementos coma os sexenios ou a titoría han contribuír a reducir esta deficiencia. A tamén prevista diminución das horas de clase recupera un avance que xa gozaron os profesores hai anos e que se enmarca na grande dificultade actual para traballar na aula, debido á perda de autoridade, ao divorcio cos pais ou, como consecuencia, á impotencia para manter a orde na clase.

Outro avance moi importante vai ser o plan para a simplificación das tarefas burocráticas dos docentes, que será elaborado por un grupo de traballo, acordado tamén coa mesa sectorial. É unha demanda cada día máis perentoria debido ao constante incremento de cometidos alleos ao labor docente, que enredan a profesionais non comprometidos con tarefas administrativas. De seguro que un grande número de auténticos mestres esperan con impaciencia os resultados deste proxecto que deberá aplicarse xa o próximo curso.