Sida: mortes, estigma e vacina

Xosé María Torres FARMACÉUTICO E MEMBRO DE FARMAMUNDI

OPINIÓN

ABUBAKER LUBOWA | REUTERS

01 dic 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

O 1º de decembro de cada ano lembramos a loita contra a sida, unha enfermidade aparecida en 1981. É certo que para as oenegués de acción humanitaria son perentorios os conflitos bélicos de Siria, Ucrania e moi especialmente o de Gaza —onde os crimes de guerra de Israel son calificados polo propio papa Francisco como «xenocidio»— ante o silenzo de EE.UU. e Europa.

Pero hai que volver á sida. Por citar o caso de España, desde 2014, en que se detectaron 4.400 casos novos, hai un claro descenso, ata os 2.800 casos de 2021, con 306 mortes. A nivel mundial, Onusida informou que a finais de 2022 había: 39 millóns de persoas vivindo co VIH (a maioría no África subsahariano); 29,8 millóns con acceso ao tratamento (e 9,2 millóns sen él); 1,3 millóns de novos casos co VIH, e 630.000 mortes. Como dato positivo desde España temos o anuncio de Pedro Sánchez de contribuir con 130 millóns de euros no período 2023-2025 ao fondo mundial de loita contra a sida, tuberculose e malaria.

Máis alá do tratamento e a prevención, cómpre reducir o estigma social das persoas que viven con VIH, pois retrasa a búsqueda de atención sanitaria. Un recordo deste estigma, pode dárnolo a película Philadelphia, protagonizada por Tom Hanks, se ben o filme transcorre nun país avanzado como EE.UU. Por iso, nos proxectos sobre VIH, como o que Farmamundi vén de rematar en Kivu Norde, na República Democrática do Congo, trabállase sempre na sensibilización social e o apoio psicosocial das persoas con VIH.

 

Non podemos deixar de ollar con esperanza ás futuras vacinas contra o VIH baseadas na tecnoloxía de ARNm (cuxos creadores, Katalin Karikó e Drew Weissman, mereceron o Nobel de Medicina 2023), que tan bos resultados deu na prevención da covid-19. Se ben o anuncio de posibles vacinas baseadas nesta tecnoloxía desatou en 2021 certa euforia na loita contra a sida e outras enfermidades, noticias máis recentes remiten o seu logro máis alá de 5 anos, coa biofarmacéutica Moderna como a máis avanzada con varios prototipos en fase I de ensaios clínicos.

Confiemos.