
Podería ter un aquel de cómico, digno das mellores pezas, a cancelación dunha obra teatral nun concello de Toledo cogobernado polo PP e Vox polo simple feito de que os autores aparezan en roupa interior. A estas alturas do século XXI resulta ridículo pensar que alguén, mesmo un cativo, se poida escandalizar por ver sobre o escenario homes en calzóns ou en traxe de baño. Pero os representantes do consistorio seica estimaron esa posibilidade. A min estráñame que semellantes cazurros teñan a pel tan fina. Máis ben creo que o que non lles gustou, á parte do nome dunha das compañías, La Mandanga, é que traten temas tan delicados coma o acoso escolar, o suicidio e mais a diversidade sexual, si, o que para os representantes políticos do concello debe de ser un claro «adoutrinamento en conceptos retrógrados e caducados». Ás veces preguntabámonos se era posible que aínda existise este tipo de xente, no fondo, tan ignorante e desnortada, e agora non só a vemos senón que a hai que sufrir en moitas das institucións e gobernos autonómicos.
Se algo bo podemos tirar de todo isto é que, en canto estes personaxes tocan poder de decisión, por moi pequeno que sexa, axiña aparece o seu ridículo fanatismo porque, por moito que o intenten, non son quen de termar da súa tentación de censurar a cultura nin de guindar os seus ataques absurdos á liberdade artística. Non é a primeira vez, lembremos a de Valdemorillo, nin ha ser a última, que se repitan episodios coma este de Quintanar de la Orden, onde a arte é vítima da súa interpretación da moralidade. Agora están en tantos lugares de decisión que teremos ocasión de comprobar a súa desconexión da realidade, pero tamén poderemos velos, aínda que non o queiran, na súa propia roupa interior.