Igual que Napoleón

Francisco Castro ESCRITOR

OPINIÓN

Sony Pictures / Apple Original Films | EFE

03 ene 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Fun ver Napoleón, a de Ridley Scott. Non vou falarlles da película que non son crítico de cine, pero si direi que me gustou e, sobre todo, que me fixo pensar, que no fin de contas é algo que lle temos que pedir á arte.

Vendo a historia de Napoleón dende os seus inicios na carreira militar ata a súa enigmática morte na illa de Santa Helena, se hai algo que queda claro é que a historia de Europa, a do mundo en xeral, non mudou. Seguimos á mercede dos intereses concretos de persoas que nos gobernan sen pensar en nós; seguimos á mercede dos intereses comerciais dos grandes ricachóns que, por manter vivos, e medrando, os seus beneficios, organizan guerras, mandan á mocidade a morrer e levan por diante, a canonazos ou a través da especulación, a quen sexa necesario.

Cando remata a película, o director ofrécenos os datos de toda a xente que morreu directamente pola acción de Napoleón. Por resumir: militares, aproximadamente 3 millóns e medio; civís, arredor de tres millóns. Estes datos son, por suposto, números, pero, coma sempre, agochan nomes e apelidos, esperanzas, amores e dores, goces e soños. Vida.

Napoleón quería a gloria. E coma no século XVIII cando Napoleón mandaba á morte aos seus soldados, haiche un bo lote de dirixentes para quen somos pezas de xadrez, anacos insignificantes na súa historia persoal, membros dunha ecuación na que non pasa nada se nos eliminan. Isto vale para os que toman decisións políticas e isto vale para os que, dende o Mercado (ese deus todopoderoso) fan que suba o prezo do trigo ou que os bancos eleven os tipos de interese. Ao final, o dominio do mundo repártese entre moi poucas persoas, individuos que se consideran chamados por un algo superior (Napoleón dicía que pola Providencia, Franco falaba de «la gracia de Dios») e que, polo tanto, viven pendentes dos libros de historia, onde o seu nome vai quedar e, polo tanto, non importa o que pase coa túa vida concreta ou coa miña. Todos matan e todos parten da mesma idea anterior á Ilustración: a xente non ten valor.

Daquela, agora que estreamos ano, lembremos ao ilustrado alemán Inmanuel Kant, que ademais de dicir cousas moi complexas dixo algo tan sinxelo como que a vida humana ten dignidade e que non ten prezo; ou, dito doutra maneira, que nada hai por riba da dignidade das persoas e moito menos a economía, os beneficios, os intereses ou todo iso que disfrazan baixo do termo «patria» e que só é unha escusa para que os napoleóns que nos circundan persigan a súa propia gloria.