O cabelo de María Antonieta

OPINIÓN

WIKIPEDIA

04 ene 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Napoleón, a nova película de Ridley Scott, bate coa precisión dos historiadores, que sinalan certos erros, como o de que María Antonieta non tiña o cabelo longo cando foi guillotinada. Resulta estraño que esta superprodución non teña ao seu dispor os mellores especialistas para situaren a ficción nun terreo firme e documentado.

Sen ver a película, poño creto no director, que non está sometido á disciplina dun paradigma, cando di que a súa obra non é un documental. E comprendo a furia dos historiadores, pero tamén hai que lembrar que moitos deles admitían no pasado certo tipo de probas literarias asentadas na contemporaneidade dos feitos, e moitos personaxes históricos adquiriron o seu carácter real en páxinas tan pouco fidedignas como as da épica e da literatura. Se facemos a pregunta de quen lle prendeu lume a Roma no primeiro século despois de Cristo, de certo que unha grande maioría non dubidaría da autoría de Nerón, ignorando que talvez esa culpabilidade puido ser unha invención do historiador romano Suetonio. Ou pensemos na conquista de América, onde as fontes son crónicas dos conquistadores, ou de frades, que, se ben teñen o carácter literario da épica, son testemuño e conteñen unha fonda base histórica.

Jeanette Winterson di que o pasado é un país que podemos visitar e do que podemos levar cousas que precisamos. E aí é onde coido que hai que fixar a necesidade do director para procurar que o verosímil sexa unha clase de verdade, cun mundo pechado pola súa coherencia interna e pola súa intencionalidade estética. Aí está o valor exclusivo da ficción, e a min non me importa o cabelo longo de María Antonieta, como tampouco os erros das batallas napoleónicas que aparecen en Guerra e paz, de Tolstoi.