Pedofilia e responsabilidade penal

Olegario Sampedro TRIBUNA

OPINIÓN

GUARDIA CIVIL

09 ene 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai poucas semanas coincidín nun debate televisivo cun elocuente e agradable profesional da avogacía. Comentoume que, na defensa dun cliente detido por pederastia, baseaba a petición de redución de condena no argumento de que, como pedófilo, era unha personalidade enferma, algo no que moitos especialistas en psicoloxía e psiquiatría nos apostamos radicalmente en contra.

A pedofilia é un trastorno do comportamento sexual de determinados adultos que senten atracción erótica por rapazas e rapaces pequenos; unha pulsión que case todos os que a senten rexeitan e incluso tentan domar e refrear, mais sen demasiado éxito, xa que as preferencias sexuais, por moi desviadas que sexan, son instintos primarios e, polo tanto, practicamente imposibles de desterrar. Esta autoconsciencia do inadecuado da propia tendencia é o que fai que, aínda que son personalidades psicoloxicamente alteradas, non son, stricto sensu, enfermas. A proba do 9 desta argumentación é que a maioría dos pedófilos non son pederastas, é dicir, non levan á practica os seus desexos porque saben que ter contacto sexual cun menor é un acto execrable moralmente, e punible xuridicamente.

Segundo un estudo de campo con datos reais, realizado en Escandinavia, o instinto pedófilo é maior do estimado: de cada 10.000 homes adultos (a prevalencia é maioritariamente masculina), entre 300 e 600 senten algún tipo de atracción sexual por menores de entre 0 e 13 anos. E aquí reside o quid da existencia de tanta pornografía infantil. A maioría deles non se atreven a tocar un infante, pero si consomen porno infantil pola facilidade e o anonimato que lles procura internet.

A pederastia provócanos tal repulsión que precisamos unha explicación que calme o enorme desasosego que nos produce. Tratar de explicala a través do argumento da enfermidade é balsámico, pero é un erro. Un pederasta poderá ser considerado enfermo por outras concomitancias, mais non polo seu comporte pedófilo. Entender isto é aceptar que non só os produtores, senón tamén os consumidores de pornografía infantil, deben ser considerados, sen paliativos, individuos con responsabilidade penal e criminal en tanto que inducen directamente a profanar o máis sacro dunha sociedade: a infancia.