Desta vai Besteiro

Valentín González Formoso SECRETARIO XERAL DO PSDEG

OPINIÓN

Martina Miser

16 ene 2024 . Actualizado a las 15:01 h.

A un mes dunhas eleccións decisivas para o futuro de Galicia, o Partido Socialista é a única alternativa con garantías para rematar cun Goberno do Partido Popular que chega ao seu fin de ciclo tras anos de inercia que sumiron a Galicia nunha progresiva decadencia demográfica, económica e industrial.

O PP déixanos unha Galicia con 100.000 habitantes menos, o equivalente á poboación completa de Santiago; sen oportunidades para a xente moza, cunha economía paralizada pola burocracia que pon á cidadanía ao servizo da Administración en vez da Administración ao servizo do cidadán, e coa sanidade e a educación públicas seriamente deterioradas. Mentres, Rueda e Feijoo manteñen unha confrontación permanente co Goberno que pon en risco a xestión coordinada dos máis de 60.000 millóns de euros de fondos europeos dos que vai depender o novo modelo socioeconómico do noso país.

O PP está máis enfocado nos seus propios intereses partidistas que na defensa dos intereses da cidadanía. Vémolo coa marea de manipulación e incompetencia coa que a Xunta está xestionando a crise dos pélets de plástico que inundan as nosas praias ou co seu voto en contra ás medidas do Goberno para mellorar a vida da xente.

O «non» do PP á suba das pensións e ás rebaixas nas facturas da luz e do gas ilustra claramente a súa desconexión coas necesidades da cidadanía.

Cómo se pode presentar Rueda ante os galegos despois de que o PP votara a pasada semana en contra da suba das pensións de 800.000 galegos e galegas? ¿Cómo lle pode explicar a case un cuarto da nosa poboación que, tras unha vida enteira de traballo, está en contra de que se lles pague unha pensión digna?

Rueda está ao servizo do que digan Feijoo e Ayuso, non de Galicia. Do contrario, tería mandado aos deputados galegos do PP votar a favor da suba das pensións.

Necesitamos un Goberno ao servizo de Galicia. No PSdeG representamos a alternativa do cambio porque cremos nas nosas posibilidades como país. A nosa experiencia en cen alcaldías galegas e no Goberno central avala a capacidade do PSOE para darlle un novo pulo ao país.

Con Besteiro teremos un presidente da Xunta que defenda con firmeza os intereses de Galicia en España e Europa sen renunciar á imprescindible lealdade e cooperación entre administracións. Un presidente con ganas, iniciativa e capacidade de interlocución para dar un novo impulso a Galicia e aproveitar as oportunidades que se nos presentan cos fondos Next Generation, que ofrecen unha inxección de recursos sen precedentes para transformar o modelo produtivo galego, revitalizar a nosa economía, potenciar a industria e as infraestruturas, crear emprego e aproveitar o noso potencial en ámbitos estratéxicos como o das enerxías renovables.

Estas eleccións autonómicas son unha oportunidade histórica para marcar un novo rumbo para Galicia. O PSdeG preséntase como o único partido capaz de deixar atrás esta etapa gris e construír un futuro máis próspero. Desta vai Besteiro. Desta vai o PSdeG.