Educar en igualdade de oportunidades

Román Rodríguez González CANDIDATO DO PPDEG POLA PROVINCIA DE PONTEVEDRA

OPINIÓN

María Pedreda

21 ene 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Afirmouno nestas mesmas páxinas Andreas Schleicher, director de Educación da OCDE: «Galicia debe estar orgullosa porque dá a cada estudante unha formación moi sólida e está sendo moi exitosa en pechar brechas sociais». As súas palabras deben facernos sentir orgullosos a todos os galegos e galegas, pois é un éxito de país froito do traballo de moitísimos profesionais, do esforzo de milleiros de estudantes, de políticas estables e dun compromiso común a través do financiamento das arcas públicas.

A semana pasada coñecíamos un estudo do Ministerio de Educación que conclúe que somos a comunidade autónoma que máis mellorou o seu nivel de estudos nos últimos vinte anos. En decembro, o informe PISA confirmaba que temos o sistema educativo máis equitativo de España, é dicir, aquel que dá máis oportunidades aos nenos e nenas que parten dunha situación máis vulnerable. E, segundo os datos do INE, o ensino é un dos aspectos que máis ten contribuído a mellorar a calidade de vida en Galicia.

A educación é un dos piares fundamentais das sociedades avanzadas, competitivas, creativas, innovadoras e eficientes. Pero tamén das sociedades máis libres, equitativas, solidarias, tolerantes e democráticas. Sen educación non hai desenvolvemento, non hai xustiza, nin cohesión social. Non hai liberdade, nin benestar colectivo. E, neste reto, todas as etapas da formación son importantes. Pero gustaríame determe na Universidade.

A Universidade evolucionou, en poucas décadas, de ser un privilexio para unhas elites a converterse nun motor de avance e igualdade de oportunidades. Hoxe en día ninguén pon en dúbida a democratización no seu acceso nin a súa transcendencia nos avances económicos e sociais. Nas universidades entran cada mes de setembro novas promocións de mozos e mozas cheos de soños e proxectos de vida. E de aí sairán preparados para desenvolver as súas carreiras profesionais e contribuír ao progreso común.

Galicia conta con tres institucións académicas públicas con máis de 300 titulacións que dispoñen dun plan de financiamento plurianual estable, unha ferramenta excepcional entre as comunidades. Froito do diálogo e o consenso, mobilízanse case 3.200 millóns de euros entre 2022 e 2026, a maior achega realizada nunca. Por iso estamos en disposición de ser a primeira autonomía na que o financiamento público das mesmas chegue ao 1 % do noso PIB.

Nos últimos tempos, Galicia ten sobresaído por contar coas universidades máis accesibles de España, unha cuestión recoñecida mesmo polo Goberno central. Así o eloxiou o ex ministro Castells: «Sempre puxen a Galicia como exemplo. Eu intento facer para o Estado o que fixo Galicia». Referíase á conxelación das taxas universitarias que fai que hoxe un alumno galego pague o mesmo por cursar un grao que hai trece anos. Trátase de algo excepcional, pois non hai ningunha outra comunidade onde suceda. Temos credibilidade.

Agora o presidente Rueda aposta por dar un paso máis e que Galicia volva ser pioneira. Se a cidadanía outorga a súa confianza ao PPdeG o 18 de febreiro, estudar todo un grao universitario, os catro anos completos, será gratuíto para os estudantes. É unha medida dun gran impacto, de novo única en España, que Galicia pode asumir hoxe grazas á boa xestión e ao rigor nas contas públicas levada a cabo pola Xunta de Galicia. E a un principio político que nos anima: a aposta pola igualdade e o esforzo.

Arredor de 50.000 estudantes poderían xa beneficiarse o vindeiro mes de setembro. Deste xeito, por primeira vez sería posible encadear máis de vinte anos de estudos gratuítos: desde a chegada a unha escola infantil ata graduarse en calquera facultade. Galicia consolídase así como unha terra de oportunidades.

Debemos seguir avanzando correctamente polo bo camiño. Polo camiño dun sistema educativo que garanta o progreso, a xustiza social e a igualdade entre as persoas. E, sen dúbida, a gratuidade da matrícula universitaria contribuirá a fortalecer este obxectivo.