A lei do mar

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

Carlos de Saá | EFE

25 ene 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

O primeiro artigo destas Pingas de cristal falaba do Francisco e Catalina, un pesqueiro que rescatou do mar a medio cento de inmigrantes que viaxaban nunha barca a piques de desfacerse. Os mariñeiros españois que os avistaron subíronos a bordo. Déronlles auga e comida, e axiña cambiaron o rumbo previsto para achegalos á costa. O lugar máis próximo era Malta. Xusto alí puxeron os seus ollos e as súas esperanzas os tripulantes. Ata entón, guiáranse pola lei do mar, aquela que obriga a auxiliar aos que se atopen en perigo no océano. Todo parecía sinxelo, é unha lei simple que só dá razón á humanidade.

 

Non foi así. A diplomacia é un nome estraño. Na primeira acepción do dicionario dise que é a rama da política que se encarga das relacións entre estados. Na última das entradas defínese como a habilidade na conduta, nas relacións, nos negocios.

A recollida dos inmigrantes provocou un conflito diplomático entre Malta e España. A devandita habilidade tivo a mariñeiros e inmigrantes confinados no buque unha semana. Non hai negocio que valga se o que está en perigo son vidas. As relación humanas deberan ser só iso, humanas.

Onte vin a serie que conta esta historia. Por título leva A lei do mar. Calquera iniciativa que regule os procesos migratorios debera basearse nela. Sexa cal sexa a cor que goberne. A humanidade debera estar por riba de todo. Paréceme incrible estar escribindo isto, pero as continuas traxedias evidencian que as leis poden provocar tantos perigos como o mesmo océano.