A felicidade dos días

OPINIÓN

Niños jugando en un parque infantil de O Milladoiro (Ames)
Niños jugando en un parque infantil de O Milladoiro (Ames) PACO RODRÍGUEZ

28 ene 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai xa uns días que vin Perfect days, do inclasificable Wim Wenders, que nos ten deixado, amais desta obra mestra, outras coma Paris, Texas. A película deixou en min unha fonda pegada pola súa aparente sinxeleza e dende ese día non fun quen de tirar da cabeza esa idea da felicidade que transmite o actor protagonista, un ser silencioso que encarna a un limpador de baños públicos que enche os seus días coa rutina e con pequenas cousas que, en principio, están ao alcance de calquera mortal.

Toda a película é unha fonda reflexión que me fixo lembrar a pregunta teimuda e absoluta que un coñecido lles adoita facer de improviso a moitas persoas: que prefires, un fillo feliz que limpe baños ou un doutor infeliz? Para as respostas non lles deixa apenas un par de segundos, porque aspira a unha espontaneidade sincera. Non sei se son certos os números do seu rexistro, pero el asegura que máis dun corenta por cento dubida ou tarda en contestar, poñendo o prestixio social e económico por diante da propia felicidade.

Non me estraña nada. O outro día, nun parque en Santiago onde había máis adultos ca cativos, unha señora un pouco estirada que vixiaba a súa neta mentres xogaba e se enzoufaba de area limpando unha casiña de madeira co meu neto chamoulles a atención espetándolles con certo desprezo clasista que parecía que querían ser varredores no futuro. Acompañou a frase apañando a nena de alí, coma se estivese a cometer un pecado inconfesable, e eu quedei con ganas de lle dicir algo, pero contívenme porque non pagaba a pena revelarlle que os trebellos máis celebrados do meu neto son unha vasoira pequena e mais un recolledor co que el pasa moitas horas na casa e fan que os seus días, coido eu, sexan máis felices.