Fomentar a comprensión lectora

María López Sández
María López Sández ACADÉMICA DE NÚMERO DA REAL ACADEMIA GALEGA E ESCRITORA

OPINIÓN

Niños con libros infantiles para las vacaciones, en una imagen de archivo
Niños con libros infantiles para las vacaciones, en una imagen de archivo XOAN A. SOLER

28 ene 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Poucos aspectos xeran, dentro do sistema educativo, un consenso semellante ao da importancia da lectura e a comprensión lectora. Trátase dunha competencia clave, un parámetro medido en todas as avaliacións externas, un foco de atención e de ansiedade.

Curiosamente, esa ansiedade, unida á propia insistencia na súa importancia, é unha das razóns principais de que a miúdo se esqueza a compoñente de pracer e deleite que comporta a lectura. Todos os pobos e culturas contan historias, entoan cancións para adurmiñar os bebés, constrúen relatos para gardaren memoria dos feitos que consideran relevantes ou para entreteren o traballo. Esta é unha característica universal. E desde que o ser humano inventou a escritura, servímonos dela para todo iso e para explicarmos o mundo e os seus enigmas.

Mais é obvio que existen tipos de texto moi diferentes e que, para chegarmos á comprensión dos máis complexos, é preciso accedermos a eles paulatinamente, a través dunha serie de chanzos de lectura que parten de contos e relatos significativos para os máis cativos e van medrando canda eles. A iniciación á lectura comeza antes da escola; é anterior incluso ao coñecemento das letras. O punto de partida é a voz que conta con emoción. E por iso un dos momentos máis tristes da miña vida docente foi cando un alumno me dixo que a el nunca ninguén, de neno, lle contara ou lera un conto. A maxia da lectura descóbrese no tempo compartido e sempre a través dunha voz adulta que nos guía. Esa voz ao pé da cama bifúrcase logo nas voces dos mestres e profesoras e na propia voz interna que se vai apropiando do texto.

Está ben que nos preocupemos por mellorarmos a comprensión lectora; mais, se o facemos como quen receita unha medicina, imos ter pouco éxito: hai que ofrecela como o gozo gorentoso dun pastel. Deleite estético e de coñecemento. Pracer de experimentar na ficción. Hai medio século, Bruno Bettelheim sinalou, moi lucidamente, que os contos satisfán na etapa infantil necesidades psicolóxicas profundas. En realidade, fano toda a vida, acompañándonos nos cambios e na maduración. De aí a necesidade de acompañarmos o perfil lector de cada persoa, de guiarmos a súa escolla e non impoñela. Guadalupe Jover inventou, para este propósito, a noción de «constelación literaria»: partindo dun tema motivador, dunha preocupación ou un centro de interese, cómpre ofrecermos o que a cultura nos fornece, o que outros pensaron e escribiron. Como dixo Daniel Pennac referíndose á experiencia de quen se converte en narrador para unha nena ou un adolescente, «coma o vello Tolkien aos seus netos, inventámoslle un mundo». Gocemos da lectura compartida, na casa, na escola e na sociedade, e a comprensión lectora mellorará sen facermos máis nada.