Apostar un café

OPINIÓN

Xoán A. Soler

14 feb 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Os venres quedamos un grupo de amizades para tomar un café. Intercambiamos libros, revistas, películas e opinións, e analizamos o mundo, aínda que sexa dende a periferia e dende posicións políticas non sempre coincidentes. É un costume san que mantemos todo o ano e que nos axuda a comprender a realidade en que vivimos a través dos ollos dos outros.

Cando hai eleccións adoitamos facer apostas para ver quen se achega máis aos resultados. Como no grupo a ideoloxía é máis ou menos clara de esquerda e nacionalista, os nosos desexos tiran a meirande parte das veces cara a un cambio de goberno. Porén, non todo o mundo ten un visión optimista e nas apostas hai quen lle segue a dar a maioría absoluta a Rueda, candidato dun partido segue a ter monopolizado todo o voto da dereita, e máis nun domingo de choiva. De nada vale que lle digamos que é un candidato insulso, incómodo, con pouca graza, que non quere debater. Este amigo que albisca unha nova derrota da esquerda non se move do seu prognóstico e non cre que desta vaia, como di Besteiro, ou que o 18-F sexa o agora ansiado por Pontón, que si, medrará en votos, mais non lle abondará para consolidar a alianza porque Sumar e Podemos volverán restar en Galicia. O curioso é que á par deste amigo tamén se situou outro que deixa ao PP a un voto da maioría, pero coa posibilidade de alianza dun tal Armando que vén de Ourense, disposto a validar unha política un chisco máis tabernaria, posibilidade que me fai pensar que case sería mellor que atinase o primeiro dos amigos.

En fin, sabedor de que non son analista político e ata o de agora a miña intuición sempre me fixo perder as apostas, teño a esperanza de que este ano viren as tornas e non sexa eu quen teña que pagar os cafés. Saberémolo o dezaoito.