A condena do rico

OPINIÓN

ALBERTO ESTÉVEZ | EFE

22 mar 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai xa anos, un profesor de dereito penal, falando de indemnizacións, chamou a atención de todo o alumnado dicindo que as mortes tamén teñen un prezo e non pagas o mesmo se matas o fillo dun maxistrado que o dun simple obreiro. Aquilo a algúns pareceunos tan inxusto e clasista que, para amosar a nosa queixa, erguemos un murmurio na aula. Eu mesmo estiven a piques de abandonar a clase, pero fiquei alí, non por medo a represalias, senón porque quería saber se aquelas palabras eran unha provocación ou agachaban a certeza dun mundo que o profesor, e tamén xuíz, coñecía de seu. Así foi como nos explicou esa evidencia que xurdía da aplicación das leis, que acollen unha casuística que ten en conta moitas cousas, amais da interpretación de quen xulga. Vén isto a conto polo caso de Dani Alves, que seica ten a posibilidade de abandonar o cárcere se paga a fianza de un millón de euros. A rabia xa precedía esta nova coa atenuante por resarcir a vítima con 150.000 euros, algo que xa abría a pregunta de se hai unha xustiza para ricos e outra para pobres. A avogada da vítima vén de dicir que a capacidade económica do futbolista deixa ás claras que esta sorte non a tería calquera outra persoa pobre. A lei é a que é, diríalle o meu vello profesor, e explicaríalle que, aínda que o condenado non cumpriu o terzo da condena, que é cando se adoitan dar os primeiros permisos, tampouco está tan lonxe de o facer. E, como haberá recursos que poden tardar ata dous anos, unha sentenza favorable ao condenado podería obrigar ao Estado a ter que indemnizalo, o que xa sería o colmo. O problema de fondo non está na súa posta en liberdade, senón nunha condena que, de el non ter os cartos para unha boa defensa, se cadra tería a duración da dos pobres.