Dani Alves na rúa

Francisco Castro
francisco Castro A CANCIÓN DO NÁUFRAGO

OPINIÓN

MABEL RODRÍGUEZ

26 mar 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Que o futbolista Dani Alves, condenado por violación, poida saír á rúa se deposita un millón de euros, tal e como decretou a Audiencia de Barcelona, explica bastante ben que é o capitalismo, que son os privilexios, que son as clases sociais. Tanto ten o que Dani Alves fixese. Tanto ten que violase e quedase probado no xuízo que a violou. Tanto ten que se pasase a dignidade da súa vítima por onde lle apetecese. O certo é que o noso sistema permite que, se es rico, se tes cartos, se a túa conta corrente está chea, non pagues co cárcere ou non pagues tanto tempo.

É un trasunto contemporáneo dos privilexios medievais dos ricos: pagaban unha cantidade e quedaban eximidos de ir á guerra. Porque á guerra só van os pobres. Os señoritos non van se poden pagar. Quizais por iso o exército español está cheo, dende que é profesional, de latinoamericanos que atopan aí unha maneira de gañarse a vida. Non o fan por patriotismo español ou porque se emocionen ata o choro coa bandeira. Fano porque así teñen un xornal que pode chegar a cobrarlles, que paradoxo, se hai un conflito bélico, a vida.

A nova da saída do futbolista violador porque pode permitirse esas vacacións é gravísima. Póñanse vostedes na pel da súa vítima. Unha das funcións das condenas tralos xuízos é a protección das vítimas. Non só hai que facerlle pagar á persoa condenada a súa débeda coa sociedade, senón que, ademais, as súas vítimas teñen que saber que as persoas que atentaron contra elas, están enchironadas, que non van ir pola rúa e atoparse con elas, que non van ter acceso aos seus familiares, que non van coincidir no mesmo bar ou na mesma discoteca. Non digo que Dani Alves vaia facer tal cousa. Digo que esas cousas poden acontecer. Por iso nos estremecemos cando lemos as declaracións das mulleres maltratadas que saben que os seus agresores, logo de meses ou anos, xa van saír á rúa. Sofren. Padecen un terror que non podemos nin imaxinar. Pois neste caso o asunto é parecido: hai unha vítima que sabe que o seu violador andará pola rúa. Dende ese instante, quen pasa a sufrir é ela. Pero xa se sabe, igual iso non importa tanto porque, no fin de contas, Alves é millonario e pode poñer un millón de euros para non estar en prisión. Para iso foi futbolista de elite e entendemos que é normal que sexa millonario e que faga o que lle pete.

O sistema xudicial ten esta clase de cousas. No fin de contas, as leis sempre as fan os que teñen o poder, ou sexa, o diñeiro.