A liberdade de prensa

Toni Alonso DECOTÍO

OPINIÓN

Toby Melville | REUTERS

03 may 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Hoxe é 3 de maio, Día Mundial da Liberdade de Prensa, e quero referirme á difícil situación que atravesan moitas persoas que exercen o xornalismo en todo o mundo. En moitos países, estes profesionais sofren ameazas e son levados ao cárcere ou incluso asasinadas, simplemente por seren críticos cos seus gobernos.

Unha das figuras máis famosas é a de Julian Assange, que actualmente se enfronta a 174 anos de cárcere por divulgar documentos segredos, que entre outras cousas informaban sobre posibles crimes de guerra cometidos polo exército dos Estados Unidos.

Do mesmo xeito, noutros lugares do mundo diversos profesionais da información están tamén ameazados. Como é o caso de Rusia, onde Maria Ponomarenko e Roman Ivanov están condenados a penas de cárcere por alzar a súa voz contra a invasión de Ucraína; ou o caso de México, onde máis de 140 profesionais da información foron asasinados no que vai de século.

Esta situación non pode continuar, debemos defender a liberdade de expresión e información e ás persoas que poñen en risco a súa vida e a súa liberdade por defendelas.

Podemos asegurar que sen unha prensa libre, veraz e non manipulada, corremos o risco de que as violacións dos dereitos humanos queden ocultas e impunes.