Repoboar Galicia con mozos dixitais

Xavier Alcalá
Xavier Alcalá A VOO DE TECLA

OPINIÓN

PEPA LOSADA

16 may 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Todos os anos coincide o Día das Letras Galegas co Día Mundial das Telecomunicacións e a Sociedade da Información. A popularidade do primeiro eclipsa o segundo, polo que cómpre falar del en relación a un fenómeno novo en Galicia: o dos «repoboadores dixitais».

O lema do Día das Telecomunicacións no 2024 é «Innovación dixital para un desenvolvemento sostible». O cualificativo dixital refírese ao procesamento de todo tipo de datos, ata os orixinalmente analóxicos (coma a imaxe e o son). Porén, estendeuse ás persoas que viven aproveitando a dixitalización dos medios de comunicación ou mesmo traballando para ese obxectivo. Chámanlles «mozos dixitais».

Durante décadas, o medio rural galego sufriu un despoboamento que semellaba irreversible, mais neste intre medra nel a presenza de xente nova e ilusionada. Son profesionais que acondicionan vivendas ás que xa chegaban os quilovatios da potencia eléctrica e ás que van chegando os xigabits por segundo da potencia telemática. Léanse en La Voz declaracións de galegos retornados e de foráneos que descobren o bo vivir nos vales coroados de «verdes castros», ou na beiramar das brancas praias, dun oasis ibérico fronte á desertización do Sur e o Levante.

Estes novos habitantes da Galicia suburbana ou periurbana, e incluso de sitios afastados das vilas, demandan conectividade con todo o mundo, que lle pode chegar por vía satélite, rede celular ou, ultimamente, acadando a máxima velocidade de transmisión por fibra óptica.

En Galicia a conectividade foi impulsada polos gobernos da Xunta cos plans de electrificación rural: nun territorio con máis núcleos de poboación que o resto do Estado creouse unha densa malla de cabos; e os apoios para os cabos de enerxía serven tamén para os de fibra óptica, pois os feixes de luz que transmiten non se ven afectados polos campos eléctricos e magnéticos.

Canto teletraballo se está a realizar neste momento en recantos felices de Galicia? Hai en proxecto «centros de traballo bucólicos» ao xeito escandinavo? Cal é a previsión de administracións e empresas de telecomunicación sobre a tendencia dese fenómeno? Cantos cerebros (normalmente dixitais) se poden recoller da diáspora? Como se debería incentivar o seu retorno? Como facilitar o asentamento de capital intelectual foráneo?

Desde o Colexio e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia vaia a oferta de participarmos no desenvolvemento da repoboación que se albisca. Quen se dedica a conectar persoas, lares e lugares sabe ben do país.