As pantallas engordan

Celso Currás
Celso Currás A NOSA ESCOLA

OPINIÓN

MONICA IRAGO

21 may 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Un recente estudo da Universidade de Barcelona, publicado na revista Adpetite e recollido por este xornal o pasado día 4, conclúe que os nenos que pasan máis tempo fronte ás pantallas antes de se deitar teñen un maior risco de engordar que os que se van á cama máis cedo e non as miran antes de durmir. Estes resultados coinciden con datos moi preocupantes que nos sitúan nos primeiros postos estatais e mesmo europeos en exceso de peso e obesidade infantil. Tamén está afectado o necesario descanso nocturno, pois ao utilizar os dispositivos tecnolóxicos nos dormitorios réstanse horas de sono, con consecuencias negativas para o rendemento académico e incluso para a socialización, esencial nestas idades. A falta de descanso acumúlase e acaba por provocar irritabilidade e somnolencia diúrna.

Outra razón pola que as pantallas engordan é a falta de exercicio físico, xa que a maioría dos nenos só o fan nas como moito dúas horas semanais da materia de Educación Física. A práctica habitual de deporte reduce a tensión e mellora o humor, o que beneficia, ademais da capacidade de concentración, o propio comportamento. As razóns están, segundo os expertos, no maior aporte de osíxeno ao cerebro e no aumento dos niveis de endorfinas. Pero, ademais, os rapaces non xogan como terían que facelo, ao aire libre, correndo ou en constante actividade física.

Estase a falar mesmo de trastorno por déficit de natureza, con síntomas como hiperactividade, depresión ou fatiga crónica. O tempo no que os mozos deberían andar a xogar dedícano, moitas veces de xeito obsesivo, ao móbil, tableta, ordenador ou televisor, o que trae como consecuencia a adquisición de hábitos de vida pouco saudables, tales coma o sedentarismo ou a mala alimentación. A culpa destes males está no uso das pantallas? Non, está na súa mala utilización. As tecnoloxías son hoxe imprescindibles e necesarias para a comunicación e o estudo, e teñen moitas vantaxes sempre que se saiban utilizar de maneira racional, pero tamén grandes riscos se non se fai así.

No exceso de peso por abuso dos aparellos tecnolóxicos a familia ten unha grande responsabilidade, pois debe establecer aos fillos uns límites claros na súa utilización. O grande mestre italiano Francesco Tonucci, recente doutor honoris causa pola Universidade de Santiago, dixo que os nenos deben dedicar máis tempo a xogar en liberdade, reducindo o emprego das pantallas, que favorecen o illamento do mundo real.