É boa cousa que a dedicataria do Día das Letras Galegas teña vida pública e memoria após a data do 17 de Maio. «Pasou o día, pasou a romaría»: eis o refrán de noso que cómpre conxurar, porque unha escritora da estatura de Luísa Villalta reclama de nós lectura e aprezo continuado. A lectura de calquera escritor de calidade —como calquera artista plástico, musical ou doutras disciplinas— non ten data de caducidade. Por iso a súa obra, que coñece todos os xéneros literarios, continúa convocándonos e interpelándonos. Para quen coñecemos, amamos e admiramos Luísa Villalta en vida, tal exercicio non só é un dereito, senón un deber, sempre na fidelidade ao que ela pensou e deixou escrito, ao seu alto valor literario e á súa participación, como galega consciente, en múltiplos actos cívicos na cidade da Coruña e por toda a Galiza.
Entre o seu falecemento e a elección, por parte da Real Academia Galega, da súa persoa e obra para o Día das Letras Galega median case vinte anos. Nestas dúas décadas viron a luz varios libros póstumos: En concreto (2004, ed. Espiral Maior); Papagaio, en coautoría coa artista fotógrafa Maribel Longueira (2004, ed. Laiovento-Deputación da Coruña); Libro das colunas (2005, ed. A Nosa Terra); Antoloxía poética (disposta por Mercedes Queixas, 2017, Agrupación Cultural Alexandre Bóveda-Asociación de Escritores en Lingua Galega); Obra dramática completa (a cargo de Alexandrina Fernández Otero e Lino Braxe, 2018, A. C. Alexandre Bóveda/Edicións Proscritas/AELG). Tamén foron levadas ao palco obras teatrais dela co impulso do actor e director Lino Braxe. A Universidade da Coruña non dubidou en titular co seu nome os premios de normalización lingüística, así como a Deputación os premios de Igualdade, ambos concedidos anualmente.
Luísa Villalta foi militante do Bloque Nacionalista Galego até a fin dos seus días e desde, exactamente, o 4 de febreiro de 1992. Colaborou activamente coa Mesa pola Normalización Lingüística, a AS-PG ou a AELG, da que foi membro da súa dirección e representou en foros galegos e internacionais. Carece de todo fundamento falar de que estas organizacións tensionan apropiarse da súa figura, pois o único que fan é lembrar, coa honra precisa, a súa pertenza a elas e o seu decidido apoio a causas colectivas que atinxen a todo o pobo galego.
Luísa Villalta practicou sempre a máxima clásica que reza que todas as artes son amigas e, asemade, soubo que a literatura galega é tamén un acto de servizo, como fixeron os clásicos da nosa tradición, desde Rosalía de Castro a Castelao, de Otero Pedraio a Eduardo Blanco Amor. Lembrémolo coas súas palabras: «O tema é o que me fai a min comunidade: unha preocupación polo devir da humanidade, unha maneira galega de ser humana, unha preocupación polo devir de ser galega».
Inmellorábel autodefinición.