Afogar as penas

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

ANDREU DALMAU | EFE

20 jun 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Só ten vinte anos. Poden parecer abondos, pero a realidade é que aínda lle queda case todo por vivir, por máis que algún dos seus soños xa se fixeran realidade. Dennis González é campión de Europa de natación sincronizada. Tiña que estar celebrándoo e... é o que fai, pero porque ten unha forza mental impresionante, pois hai quen non llo pon nada fácil.

Logo deste logro, e doutras medallas máis no europeo, comezaron a choverlle insultos homófobos. Lonxe de afundirse, saíu a responder. Fíxoo nas redes sociais e en todos os medios de comunicación que lle deron pé a facelo. Cunha madurez impropia dos seus vinte anos. Quizais, porque xa leva vivido máis do que lle corresponde. Foi vítima de acoso escolar. Sentiu medo. Pero a auga salvouno. Entra na piscina e concéntrase. Fai o seu traballo, pisa forte no camiño líquido e as penas, mentres, afunden.

Dá gusto escoitalo. A min no me afecta, afirma. Pero hai nenos aos que pode danar. Asegura que, nese momento, non vai calar, fará fronte á maldade. Pregúntome a cantos cativos se lles faría un no na gorxa ao escoitalo. É marabilloso telo de referente. O de Jokin Ceberio, hai vinte anos, foi o primeiro caso de acoso escolar que tivo repercusión mediática. A pesar do apoio de seus pais, logo dun curso infernal, venceron as penas e quen afogou foi Jokin. Lanzouse desde o bordo dun muro, sen auga que o acollese ao caer. No centro educativo celebrábase unha reunión para tratar o seu caso. Foi tarde. Dennis xa nos advirte: actuemos a tempo.