PP, Vox e nenos

Siro
siro PUNTADAS SEN FÍO

OPINIÓN

siro

13 jul 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Esta semana descubrín que non vexo polo ollo dereito. A lente que me puxeron cando me operei de cataratas está tan sucia que dese ollo son cego de todo. A saber canto tempo levo así, sen decatarme porque polo ollo esquerdo vexo moi ben, e abóndame.

 Isto de ver só por un ollo dáse moito en analistas e opinantes políticos, e eu, que tento ser obxectivo, contrasto opinións con politólogos e columnistas de distintos medios que só ven polo ollo dereito, e as máis das veces chego á conclusión de que algo de razón teñen, porque a verdade adoita estar moi repartida. No que nunca coincidimos é na percepción da extrema dereita española e europea. A miña é moitísimo peor e por iso non entendín que algúns recomendasen a Feijoo pactar con Vox. Daquela pareceume un mal consello e agora o enfrontamento pola acollida de menores inmigrantes nas autonomías gobernadas por PP e Vox dáme a razón. Abascal xa anunciou con moita traca a ruptura dos acordos. Tanto ten; nalgún momento o PP tería que poñer fin a un pacto contra natura. Malo que en comunidades e concellos gobernados por PP e Vox se retiren obras de teatro e películas que falan de sexo, da Guerra Civil, de feminismo ou de violencia de xénero; pero dar as costas ao problema dos rapaces estranxeiros amoreados en Canarias por consideralos futuros delincuentes, como fai Vox, sería intolerable no PP. Feijoo teno claro e fala de solidariedade, obrigas e deberes coa comunidade canaria e cos menores; aos dirixentes de Vox os menores —todos os menores, migrantes e españois— non lles interesan e demóstrano a eito: en abril de 2021 Vox votou contra a Lei de Protección á Infancia e á Adolescencia fronte á Violencia. Sábese que en oito de cada dez casos de abusos sexuais contra a infancia o agresor pertence á esfera familiar, pero en Vox pensan que a roupa sucia se lava na casa. En marzo de 2022 opúxose a que unha comisión do Congreso presidida polo defensor do pobo investigase a pederastia na Igrexa. O pasado mes de maio rexeitou o Pacto pola Infancia que as Cortes de Castela-A Mancha asinaron en 2016 co acordo de PSOE, PP, Ciudadanos e Podemos para defender os dereitos dos nenos porque «nada hai máis importante».

Sei que o núcleo duro do PP non se diferencia de Vox. As fotos de Feijoo con Marcial Dourado non saíron do PSOE nin de IU, senón dos que daquela non querían velo en Madrid e agora, de cando en cando, fórzano a papar unha enchente de sapos crus. Por iso é importantísimo este «ata aquí chegamos» que supón o seu desafío a Vox. Os militantes do PP que eu trato apláudeno, seguro. E eu tamén.