Cribado de galego

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

Imagen de archivo de un cribado en el centro de salud de Rianxo
Imagen de archivo de un cribado en el centro de salud de Rianxo MARCOS CREO

15 jul 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Non coñezo de nada o veciño de Rianxo que foi multado por solicitar que o atendesen en galego nun centro de saúde. Todos podemos ter un mal día e alterarnos, pero a dicir verdade, todas as declaracións que lle vin facer a este home foron calmadas e nun ton correcto e educado. Non teño motivo para dubidar da súa versión.

O que ninguén nega é que el foi facer un cribado, neses tempos nos que a covid nos tiña atemorizados. Solicitou ser atendido en galego... e armouse! A persoa a quen se lle requiriu este dereito fixo caso omiso e, segundo o afectado, chamouno «paleto». A Policía Local agardábao á saída da proba para denuncialo. E vaia se o fixeron! Puxéronlle unha sanción económica elevada.

Non vou entrar noutro tipo de feitos e cualificacións, porque non teño certeza exacta do que aconteceu. Pero propoño o seguinte: imaxinemos que a situación sexa que un doente solicite ser atendido en castelán.

Ata aí todo pode ser posible. Pero imaxinar o resto... xa se complica. Que o cataloguen de pailán e o denuncien por alterar a orde pública por falar castelán resulta de ciencia ficción, verdade?

Imaxinen a sorpresa se a cuestión prospera e lle chega unha notificación cunha multa de 600 euros. E se logo a xustiza lle dá a razón, aínda queda a oportunidade de sancionalo por faltar ao respecto aos axentes da Policía Local. Non vaia pensar a xente que pode saír indemne de reclamar un dereito.

Unha vez máis, ponse de manifesto que galego e castelán non gozan da mesma consideración social.