Os inmortais non morren

Marina Mayoral
Marina Mayoral PÁXINAS SOLTAS

OPINIÓN

VITOR MEJUTO

29 ago 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

A miña primeira reacción ao ler a noticia foi pensar que non falaban del, de Santiago Rey Fernández-Latorre, presidente e editor de La Voz de Galicia. Será alguén da súa familia — pensei— cun nome parecido. Non pode morrer. Sempre que o vin, e foron moitas veces, e non hai tanto tempo, estaba cheo de vida, mozo no mellor sentido da palabra: batallador, entregado con paixón non só a mellorar o seu xornal senón a política e a vida española, con ideas modernas, cosmopolitas, abertas ao mundo.

Ás veces, por estraños mecanismos da nosa mente, acertamos, en contra da evidencia: Santiago Rey Fernández-Latorre non morreu, porque é inmortal. O seu recordo perdurará no recordo de moitas xeracións. Os pais ou os avós falarán del aos mais mozos, falaranlles da súa elegancia no trato, da súa amabilidade cos colaboradores, da súa valentía para enfrontarse ao fraude e á corrupción. E tamén da súa decisión de utilizar, el que era máis galego que os grelos, a lingua galega e a lingua castelá indistintamente.

Un día díxome: «Felicítoche, porque sabes criticar sen ofender». Eu, dende aquela procurei manter esa imaxe que tiña de min.

Santiago, recibe no teu Olimpo de Inmortal, unha aperta agarimosa da túa colaboradora e sempre admiradora Marina Mayoral.