Foi o último gran editor da prensa en España. E, probablemente, o máis libre e independente. A súa coraxe e valentía fixeron del un referente para todos os que formamos parte de La Voz, a que sempre sentimos como a nosa Casa, con maiúsculas. Coñecino hai máis de trinta anos nunha conferencia que el ditou no campus universitario de Ourense, no edificio de ferro. De ferro perenne e sólido, coma el. Fronte a unha audiencia variopinta (había políticos de toda condición e ideoloxía) falou dos seus principios e non omitiu críticas a dereita e esquerda, sen sobresalto. Era un home excepcional e irrepetible: pola súa intelixencia, capacidade de comprensión, o seu corazón sempre desprendido. Efectivamente, era dos bos e xenerosos, como afirma o himno galego. E a Galicia dedicou a súa vida. Sen dúbidas e sen vacilacións. Por riba de tendencias ou modas. Galicia, díxonolo moitas veces, representaba o seu maior interese e vocación. Galicia e a honestidade: esa que impregna cada páxina deste periódico. A derradeira vez que falei con el foi tras a publicación do último editorial. A firmeza do seu proceder era a mesma. De aí non se movía: independencia, liberdade, Galicia. Con el, La Voz incrementou audiencias ata se converter no terceiro periódico de España, só por detrás de dúas cabeceiras de Madrid. Lembro as tardes interminables, en Sabón, despois da entrega do premio Fernández Latorre. Mesa redonda, confidencias, e Manolo Sánchez Salorio contando historias de luz que el contestaba con humor e ironía. No ceo, agora, as tertulias serán animadas e lúcidas. Foise o noso patrón. Pero tamén o amigo. Foise o gran editor da prensa en España. Descansa en paz, querido Santiago.