![](https://img.lavdg.com/sc/yJCA7t1R2R0P9RWgHSFx2ZO1Jps=/480x/2024/09/03/00121725388502043426234/Foto/I18M2098.jpg)
O debate da saúde mental chegou tamén ao rali. Iván Ares anunciou que se afasta das competicións por un tempo. É «necesario parar», di. Con estas declaracións, volve facernos reflexionar.
O deporte adoita ser un recurso para despexar a mente. Hai quen lle dedica un tempo cada día porque lle axuda. Pero, a certo nivel, pode ser tamén un cárcere mental. Hai exemplos no fútbol, na ximnasia, na natación, no baloncesto... tamén nos pilotos. Parece un paradoxo que quen se dedica a competir en carreiras a toda velocidade diga que necesita parar. En realidade, non hai nada máis simple. Non lle deamos voltas. Vivimos apurados en exceso, comportándonos practicamente coma robots. A rutina é coma un pantano de areas movedizas. Por moito que espernexemos, non nos imos mover do sitio. No peor dos casos, acabaremos afundidos polo propio movemento. Que difícil manter a calma nunha situación así e ser conscientes de que a única salvación é deterse, respirar profundo, agardar, pedir axuda e aferrarse a esa man tendida.
Aínda queda un medo: que ninguén nos auxilie. Non sería moi estraño. Cadaquén anda ao seu. Se un deportista de elite pide axuda, os micrófonos ábrense. Pero... e se a pido eu? Ou ti? Uns anónimos! Quizais falten orellas que presten atención por moito que berremos auxilio.
Ollo ás carreiras das nosas cabezas. Debemos prestarlles a suficiente atención, como pilotos e como observadores, pois é bastante sinxelo descarrilar e levar alguén por diante. Pode pasarlle a calquera.