Dar a cara

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

EDGAR SAPIÑA | EFE

10 sep 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Unha barbarie. O de Dominique Pélicot é unha auténtica barbarie. Canto máis pasa o tempo, peor se debuxa a atrocidade deste, en aparencia, cidadán exemplar. Un monstro, en realidade, agochado baixo un traxe. Drogaba á súa muller, deixábaa inconsciente e convidaba a ducias de persoas a violala. Non foi unha vez. O drama dá para encher unha vida. Empezouse falando de 70 agresores. Agora pensan que a cifra rolda os 100. Investigan se a súa filla puido ser vítima tamén. Non ten fin?

É curioso que, se buscamos o nome deste desalmado, temos que baixar varias liñas na redacción da noticia. Antes atopamos o da súa muller, coma se o nome que houbese que coñecer asociado a esta barbarie fose o dela, o de Giséle. E non, a quen temos que sinalar é a el. A súa muller acudira en diversas ocasións ao médico por un malestar do que non atopaba a raíz. Nada se puido detectar dos seus problemas de saúde. Foron outras investigacións as que levaron á descuberta do delito.

Non sei como aínda está dunha peza. Non só iso. É que mantén unha enteireza digna de loar en todo o proceso xudicial. Ela, a cara descuberta. Amosar o rostro é un aviso: el é quen ten que dar a cara. El, como principal acusado. Pero hai case cen persoas que violaron a unha muller coas facultades anuladas que non deron a cara. Tamén son monstros. Non hai dúbida de quen é o principal responsable. Pero todos eses homes que conscientemente violaron esa muller tamén teñen a súa parte de culpa. Todos teñen cara, nome e delito.