Os 25 anos do Proxecto Terra

luciano g. alfaya DECANO DO COLEXIO DE ARQUITECTOS DE GALICIA

OPINIÓN

Mostra dos 15 anos do Proxecto Terra, en Santiago
Mostra dos 15 anos do Proxecto Terra, en Santiago SANDRA ALONSO

16 sep 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

O comezo do curso académico supón tamén o inicio das actividades educativas do Proxecto Terra, a iniciativa de divulgación arquitectónica e aprecio do territorio impulsada dende hai 25 anos polo Colexio de Arquitectos de Galicia. Cando no inicio do século o arquitecto e profesor de secundaria Xosé Manuel Rosales lle comentou ao colexio a posta en marcha desta iniciativa docente, tiña claro que a comprensión da arquitectura, o respecto polo territorio e a defensa do medio ambiente non podían ser só unha tarefa do noso colectivo: facíase imprescindible xerar unha conciencia social, que implicase o profesorado e chegase ás idades máis novas. Só dese xeito se podería mudar a raíz dos nosos problemas.

Dende entón, decenas de miles de nenas e nenos e case dous milleiros de docentes formaron parte das diversas actividades educativas e de concienciación desenvolvidas en centros de toda Galicia. Para facelo posible, a Administración autonómica, con distintas cores políticas e a través de diversas consellerías, non deixou de apoiar economicamente o proxecto, demostrando que a preocupación polo territorio e a posta en valor do patrimonio ten que ser un esforzo colectivo e continuado.

Este novo curso supón o inicio dunha nova etapa. Simbolicamente, o Proxecto Terra fai 25 anos, unha cifra que invita a facer balance e buscar retos. Xunto co respaldo da Consellería de Vivenda, a reincorporación da Consellería de Educación supón un incentivo para redefinir parte dos contidos que se levan ás aulas e, como sempre, seguir innovando. Problemáticas como a escaseza de vivenda, a presión turística nalgunhas cidades ou os riscos medioambientais aos que nos enfrontamos como país cómpren ser explicados tamén á infancia. Porque non se trata só de crear conciencia sobre o valor do que temos, senón de xerar actitudes futuras máis comprometidas co territorio e arquitectura a medio prazo.

Os proxectos educativos e divulgativos tenden a ser breves e, en moi contadas ocasións, son capaces de perdurar máis dunha xeración. Se o Proxecto Terra chegou ata aquí é porque sempre foi un proxecto adiantado ao seu tempo. Tanto que aínda hoxe moitas das bases que o sustentan están a ser formuladas como desexo de futuro a través da iniciativa New European Bauhaus da Unión Europea.

Agora que a baukultur, o concepto que define unha arquitectura e urbanismo máis comprometidos co social e co entorno, empeza a estar asentada, cómpre reivindicar o carácter innovador do Proxecto Terra, que hai 25 anos naceu precisamente dende esa perspectiva. E cómpre, por suposto, confiar en seguir avanzando, sen límites e sen medo, apoiándonos nas vindeiras xeracións, cara a construción dun país mellor.