Queremos clases amenas

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

UPSA | EUROPAPRESS

18 sep 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Comezou o curso universitario e os xornalistas afanáronse en ofrecernos a crónica do momento ás portas das facultades. As declaracións tínxense dos nervios típicos. De entre moitos comentarios, este xornal destacaba unha petición: que nos fagan as clases máis amenas.

É unha gran fotografía do actual sistema educativo. Os docentes teñen como primeira misión incentivar o alumnado, atraelo, involucralo no proceso de aprendizaxe, facerllo o máis divertido posible. A poder ser, un xogo.

Unha visión un tanto perigosa. Prométesenos unha educación integral, non só conceptos. A lei destaca o obxectivo básico de preparalos para a vida. E esta, está chea de responsabilidades. O lúdico queda reducido a unha pequena porcentaxe. A ensinanza baseada no xogo non se axusta á realidade.

Os docentes, ademais, vense superados. Antes de comezar o curso lémbranselles os protocolos a aplicar, as peculiaridades dos antigos alumnos, a continua atención á diversidade... e evitar a frustración. Adaptarse ao alumnado con todas as diversidades, claro. E facelo bonito. E agradable. E, a poder ser, ao seu xeito. As programacións do curso non son nada comparado con condensar os conceptos en explicacións de 20 segundos, que é o que se estima o tempo de atención nos adolescentes.

Hai quen pretende explicar a suma de fraccións, a teoría das ideas ou a análise gramatical con vídeos de TikTok. Para involucralos, ou tamén tratalos coma adictos aos que se lles dá o que necesitan. E así non se arranxa o problema.