Arde Portugal

Antonio Rigueiro Rodríguez CATEDRÁTICO EMÉRITO DA UNIVERSIDADE DE SANTIAGO E PRESIDENTE DA ASOCIACIÓN FORESTAL DE GALICIA

OPINIÓN

Pedro Nunes | REUTERS

19 sep 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Un centenar de focos activos, máis de cen concellos en perigo máximo de incendio, poboacións evacuadas, varios falecidos e moitos feridos, vías de comunicación cortadas, colexios pechados... Unha situación dramática, «moito difícil», como a definen as autoridades do país veciño e irmán, que agradecen a colaboración da UE e doutros países, entre eles o noso.

Hai circunstancias meteorolóxicas que cando coinciden varias delas favorecen os incendios forestais de grandes dimensións, facéndoos dificilmente controlables: temperaturas de máis de 30 graos centígrados, humidade atmosférica inferior ao 30 %, vento de velocidade superior aos 30 quilómetros por hora, máis de 30 días sen precipitacións. É a coñecida «regra dos 30».

Moi poucos son os incendios que derivan de causas naturais, coma os lóstregos, boa parte deles son intencionados ou consecuencia de neglixencias no uso do lume en prácticas agrícolas, gandeiras ou forestais. Cunha árbore pódense facer milleiros de mistos... e cun misto pódense queimar milleiros de árbores. A meteoroloxía adversa pode ser necesaria para que se produzan incendios na cantidade e coa intensidade dos que están arrasando Portugal, pero non soe ser suficiente. Ten que haber combustible e ten que haber quen lle prenda lume. Por desgraza, en moitos montes portugueses, sen ordenación nin planificación, abunda a biomasa nos estratos arbustivo e arbóreo, e dominan neste último masas extensas, sen solución de continuidade, de especies arbóreas pirofitas, que arden ben e propagan eficazmente os lumes de copas. E, tamén por desgraza, parece que abundan os desalmados dispostos a prenderlle lume ao monte e a reducir o país a borralla, e con frecuencia aos poucos que collen sáelles barato.

Existen en Portugal outros importantes factores de risco de incendios forestais: a recesión demográfica no medio rural, o envellecemento da poboación e o abandono das explotacións agrogandeiras, a escasa valoración do monte por parte da sociedade, a desaparición das masas naturais de árbores autóctonas caducifolias que fan un importante papel de cortafogos...

Tras do lume salvaxe so queda desolación, desaparecen a fauna, os fungos, os microorganismos, o tapiz vexetal e os horizontes orgánicos do perfil edáfico, e o solo mineral, que tardou en moitos casos centenares ou milleiros de anos en formarse, queda exposto á erosión coas chuvias que virán posteriormente —estímase que en moitos casos no semestre seguinte ao incendio se perde o 90 % do solo—, anegando e enlodando vilas, reducindo a calidade das augas e comprometendo os bancos marisqueiros da costa. As perdas económicas son moi importantes e a incidencia social é especialmente preocupante, e non só polo desasosego e pola triste e lamentable perda de vidas humanas; tamén polo sentimento de impotencia e derrotismo que xera nos propietarios forestais, que se resisten a investir nos seus montes por temor a que os seus aforros se convertan en cinza.

Sería desexable, sen esquecer a vixilancia, detección e extinción, prestar unha maior atención á prevención, incrementando e mellorando accións de sensibilización, comunicación e outras de carácter policial e xudicial, ademais da silvicultura preventiva. Hai que poñérllelo difícil aos incendiarios facendo que o monte sexa difícil de queimar e, se se produce o lume, que sexa doado de atallar. En parte niso consiste a prevención... en apagar no inverno os lumes do verán seguinte.