Cal é a mellor xornada escolar?

Celso Currás
Celso Currás A NOSA ESCOLA

OPINIÓN

María Pedreda

01 oct 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

A dicotomía entre xornada escolar continua e partida non remata, porque son varias as partes e os intereses afectados. A maioría das familias, na procura dunha coordinación co traballo, desexan horarios que manteñan os fillos o maior tempo posible fóra da casa, mentres que os docentes prefiren ter as tardes libres de clase e acudir o menos posible ao centro neste horario. Están tamén os criterios de carácter pedagóxicos, que inciden directamente nos alumnos, protagonistas moi esquecidos neste debate.

O clásico horario, vixente en primaria ata non hai tantos anos, era de 10 a 13 e de 15 a 17 horas. Entre as 13 e as 15, os alumnos que non tiñan transporte xantaban no comedor escolar e permanecían no centro, mentres que os demais ían comer ás súas casas e retornaban logo ao colexio para rematar a xornada. Despois das 5 da tarde, algúns centros ofertaban actividades extraescolares, organizadas na maior parte dos casos polas ANPA, sobre todo para retrasar o retorno dos nenos ás súas casas. Na década dos oitenta do pasado século comezou a implantación masiva da xornada continua, hoxe practicamente xeneralizada. É a propia comunidade educativa, a través dos seus órganos colexiados, quen a aproba, para logo autorizala a Administración, pero a presión do profesorado, por propio interese, vén sendo decisiva neste proceso.

Este horario sería hoxe inviable para a maioría das familias, pero é o mellor para os alumnos, en base a criterios pedagóxicos e mesmo pediátricos. O currículo escolar está moi sobrecargado e esixe un gran traballo intelectual. A curva da fatiga escolar iníciase cunha baixa atención a primeira hora da xornada, medra despois ao longo de máis dunha hora, para logo descender lentamente. Pola tarde, en contra dunha postura moi estendida, volve incrementarse do mesmo xeito. O descanso no medio, para xantar cedo e descansar con acougo, é moi favorable para a consolidación do aprendido pola mañá e para afrontar con éxito a segunda parte do día.

A maior parte dos países do noso contorno teñen xornada partida, en moitos casos despois dunha experiencia negativa coa continua, e a OCDE recomenda aquela, non só porque mellora o rendemento dos alumnos, senón tamén porque é máis favorable para as familias. Pero para volver a unha xornada partida é necesario un maior esforzo dos gobernos no apoio á conciliación familia-traballo, como ocorre nos países máis avanzados. Comedores escolares xeneralizados e organización racional das actividades extraescolares, que hoxe son en moitos casos esaxeradas e improvisadas. Os nenos necesitan máis tempo de xogo ao aire libre e menos de pantallas e de tarefas complementarias que obsesionan aos pais.