A estratexia do macabeo

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

CONTACTO vía Europa Press | EUROPAPRESS

06 oct 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Pertenzo á xeración que foi instruída coa materia de Historia Sagrada nos institutos. A idea dun pobo elixido ao que Deus concede un territorio para conquistar, con dereito a someter a aqueles que o ocupaban antes, inspira todo o relato, incluídas deportacións, exilios, profetas desesperados, castigos implacables e algúns momentos de gloria: os reinados de David e Salomón principalmente. Un deses capítulos de afirmación nacional era a historia dos macabeos: levantamento do pobo xudeu contra a dominación seléucida na segunda metade do século segundo antes de Cristo e a construción dun reino propio que chega ata a ocupación romana con Pompeio. Son dous libros recoñecidos oficialmente no canon bíblico latino, escritos contra o ano 100 a. C., e outros dous aceptados no canon ortodoxo, ademais dalgúns na tradición árabe, siríaca e etíope.

Nas clases de Historia Sagrada contábannos a dos irmáns macabeos, fillos do sacerdote Matatías, protagonistas dunha guerra implacable que os historiadores datan arredor do ano 167 a. C.: guerra de guerrillas, aldea por aldea, casa por casa. Xudas Macabeo era a figura sobranceira. O imperio Saléucida aseñoraba unha parte dos restos das conquistas de Alexandre Magno que incluían os territorios da actual Palestina. Fronte a imposición dos modelos culturais helenísticos, o sector máis ortodoxo do pobo xudeu levantouse contra os dominadores, conducidos polo vello Matatías e os seus descendentes, e por primeira vez en moito tempo logrou a soberanía dun amplo territorio dende o río Xordán ao mar e dende Exipto a Fenicia (dinastía asmonea). Dende entón os macabeos son un símbolo da vitoria para a causa de Israel. Disque Deus estaba con eles.

Alguén dirá que imos moi atrás no discurso histórico. Non digo que non. Mais ese modelo segue presente, e o conflito segue aí, se non nos mesmos termos, radicalizado en principios fundamentalistas que un sector importante dos que hoxe gobernan o Estado israelita non ocultan, mesmo o levantan coma unha bandeira: recuperar a gloria pasada, enraizada na noite da memoria, que seica o xustifica todo. A calquera prezo. Guerra sen pausa. Sen condicións. Os sectores relixiosos máis radicais, que apoian a Benxamín Netanyahu, afírmanse nesa memoria, que é unha memoria mítica e, xa que logo, irracional, pero que funciona, en parte porque dende o outro lado axítase un fundamentalismo semellante, irredutible, e en parte tamén porque o negocio internacional segue mirando para outro lado (instalado no beneficio propio). O relato é tan antigo que está case que no principio da Historia. Ou eles ou nós. E que non quede ninguén vivo nin para contalo, como na batalla de Xericó hai máis de 11.000 anos, coas trompetas asaltando a cidade e o Deus topoderoso dirixindo as operacións. Se ese Deus existe non sei como pode mirarse a si mesmo no espello.