As cifras do galego

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

Brais Lorenzo | EFE

13 oct 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Os datos son demoledores. Pero previsibles. A Real Academia Galega, a través dos estudos do seminario de sociolingüística, vén denunciando esta situación dende hai anos, e outrosí os traballos do Consello da Cultura Galega, o Instituto da Lingua Galega, as universidades, o Consello de Europa, a Mesa pola Normalización Lingüística… Todos coinciden no mesmo: o uso da lingua galega esmorece. Non o seu prestixio, que certamente gañou posicións. Mais prestixio tamén tiña o latín e acabou en lingua litúrxica. A lingua está viva na medida en que os falantes a usan, alimentan, renovan e transmiten de xeración en xeración. A lingua é un patrimonio activo que implica a toda a sociedade.

Os datos que vén de anunciar o Instituto Galego de Estatística non sorprenden a ninguén. Son a constatación dun fracaso: a política lingüística do goberno galego. Botarlle a culpa á poboación inmigrante paréceme unha desculpa ben cativa. Hai anos que as institucións competentes denuncian esta situación, que se acentuou coa implantación do Decreto de Plurilingüísmo (2010), cunha falta total de seguimento nos centros docentes, sobre todo nos privados e concertados, e ausencia total de accións alén da escola: nos espazos de ocio e socialización da xente nova, publicidade, oferta audiovisual, agrupacións deportivas, industrias culturais e de entretemento, redes sociais…

Reducir as actuacións ao ámbito escolar é un erro, porque acaba convertendo as aulas nun gueto illado do resto da sociedade, por máis que a educación sexa un factor fundamental. Hai que traballar en todas as frontes. Todos somos responsables: as familias (onde se establecen os principios da transmisión xeracional e os primeiros valores afectivos); a educación (primeiro espazo de socialización compartida), as Administracións públicas e privadas (dende a igrexa á xudicatura, a sanidade, os sindicatos, as organizacións empresariais, a actividade política…), os medios de comunicación de masas (os tradicionais e as novas tecnoloxías), os espazos de ocio e socialización (cinema, teatro, concertos, acontecementos deportivos, publicidade…). Todos temos responsabilidades, se verdadeiramente queremos afirmar e desenvolver o patrimonio común da lingua de noso.

Vinte anos despois do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (2004) e 41 anos despois da Lei de Normalización Lingüística (1983), ambos os dous documentos aprobados por unanimidade no Parlamento de Galicia, parece razoable valorar os resultados, entre outras cousas para corrixir eivas e actualizar estratexias. A sociedade necesita ilusionarse de novo arredor dun dos nosos grandes valores. A primeira responsabilidade é dos partidos que nos representan (e que teñen a obriga de sentarse a falar), mais tamén do conxunto de axentes sociais. Non podemos mirar para outro lado.