Para que votamos

Siro
siro PUNTADAS SEN FÍO

OPINIÓN

siro

12 oct 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Coñezo a Carlos Luis Rodríguez des que era un mozo de vinte anos que andaba na órbita do PSdeG, e pouco despois vino nacer como comentarista político nas páxinas de La Voz. Aquela irrupción foi un bombazo no xornalismo e na política autonómica pola orixinalidade duns artigos escritos desde ópticas inimaxinábeis e con moito sentido do humor. Corenta anos despois segue coa mesma fórmula e co mesmo éxito, recibindo apaixonados eloxios de quen se identifica con el, e iradas afrontas de quen pensa o contrario. Non é o meu caso. Ideoloxicamente estamos cada día máis afastados, pero admiro o seu talento como sempre.

 

No artigo do sábado pasado, titulado Entonces, ¿para qué votamos?, Carlos Luis afirma que no debate industrial en Galicia falla a democracia, porque o partido a prol da industrialización gaña claramente as eleccións, pero os perdedores recorren ao travestismo, á liorta, á algarada, e o que se votou nas eleccións xa non importa. «¿Para qué votamos —pregúntase— si el votante se ve desplazado por el manifestante y la mayoría respetuosa es silenciada por minorías estruendosas?». Enxeñosa exposición,, sen dúbida, pero co argumento de «fagan os que gañen e calen os que perdan», que el defende, fixéronse en España aeroportos sen avións, liñas de ferrocarril pechas ou a medio facer, autovías sen densidade de tráfico que as xustifique, parques tecnolóxicos, auditorios, pazos de congresos e complexos temáticos ruinosos; e disparates como a nosa Cidade da Cultura. Nas dúas últimas décadas o dispendio de políticos que fixeron o que quixeron porque gañaron as eleccións supera os 100.000 millóns de euros. E fixérono porque os deixamos facer, porque achantamos e calamos; e por iso todos somos un pouco cómplices.

 

Eu non sei se hai que instalar Altri en Caldas de Reis ou non —que diso vai o artigo de Carlos Luis, aínda que non o cite—, pero ando coa Gauromydas heros —a mosca máis grande do mundo— detrás da orella porque a empresa afirma que esta fábrica, única en Europa, axudará o sector téxtil da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, farase con criterios ambientais moito máis esixentes cós da normativa europea e seguindo as recomendacións da Unesco na integración no entorno. Iso está moi ben. O malo é que os sindicatos informan de que aquel proxecto inicial presentado hai dous anos por Altri e a Xunta é a día de hoxe unha celulosa estándar.

 

Carlos Luis cualifica de «cerril» a oposición a calquera iniciativa industrial, enerxética, mineira ou o que sexa. Home, igual de cerril que o apoio incondicional á iniciativa industrial, sexa a que sexa, valla ou non valla.