
Moito me veñen á cabeza os tempos do confinamento. Canto nos humanizamos e cantas promesas fixemos. O mundo parecía cambiarnos, e nós iamos cambiar o mundo. Pero (case) todo se esquece.
Xuramos que iamos protexer e valorar a arte, a música, a cultura, a pintura, a literatura... os libros. Porque os libros poden salvarnos. Pasamos pechados, baixo reixas transparentes, meses. Para algúns, a única compaña física eran os libros, que podían tocar, ulir, mirar... Levar á ventá, á cama, ao sofá.
Eu mesma, cando a vida me golpea forte, leo de maneira compulsiva. Mergúllome nas vidas e universos dos libros porque me axudan a tomar distancia cos propios problemas, obríganme a modificar a perspectiva.
Non sexamos ingratos e cumpramos como sociedade. A Biblioteca da Facultade de Historia da USC é preciosa. Dá para rodar unha película, inspirar novelas. Por agora. Calquera día vén abaixo. Cae a cachos.
Adoptouse un procedemento de urxencia. Levan meses trasladando libros a sotos e á antiga cafetaría. Pero non hai unha resposta contundente que se faga cargo da súa restauración. O fondo que garda é imprescindible. Moitos volumes non están dixitalizados e só se poden consultar en formato físico. Afirman que «a biblioteca é o noso corazón e cerebro». Non deixedes que afoguen os libros, que se desfagan, que se esfarelen. Perdelos sería amputar parte do noso pasado. Non será que a alguén lle interesa borrar parte da nosa historia, non? É a nosa quenda. Salvemos os libros. Eses que antes xa nos salvaron.