A conquista de Albania foi unha teima de Mussolini, aproveitou a fin da guerra de España, abril de 1939, para ocupar aquel país veciño e convertelo en protectorado. Seguía os pasos de Hitler, que quince días antes invadira Checoslovaquia. Tamén unha tropa vasca conquistara Albania para o rei de Navarra no século XIV, Alfonso Ungría contouno nun filme. Albania volve ser unha obsesión europea por mor dunha sucesora de Mussolini no Goberno italiano que organizou alí un campo para concentrar inmigrantes.
A extrema dereita está logrando converter aos estranxeiros no principal problema europeo. Non empregan argumentos, atacan sentimentos, sinalan aos inmigrantes pola súa cultura, as cores da pel, relixións, linguas, modos de vida. Aspectos aparentemente obxectivos que parecen diferenciar aos que veñen dos que estamos, nunha Europa que se considera branca, cristiá, con linguas e identidades nacionais. Que o medo á inmigración convertido e política prenda con forza en Alemaña, Italia, Polonia ou Francia lémbranos cando os xudeus foron convertidos no chibo expiatorio e argumento para atraer masas e votantes, confusos ou descontentos. Daquela coma hoxe, sinalar aos diferentes é o medio, o importante é onde conduce esa acción política. Non hai crise migratoria, hai un perigoso xogo político a conta da inmigración, que ten milleiros de mortos ás nosas costas.
Necesitamos aos inmigrantes. Quen muxe o leite, quen vai ao mar, quen traballa no monte, nas obras, nos invernadoiros do Mediterráneo, quen coida aos nosos maiores, quen atende nos bares e restaurantes? Pódese seguir enumerando sectores onde cada vez son máis importantes os e as traballadoras inmigrantes. Fan o que nós fixemos en Europa dende os anos sesenta e nos mesmos sectores. Deberamos sabelo ben. Cal é a diferenza? A diferenza é o tempo, estamos noutro tempo político e xeopolítico. Aceptamos aos latinos católicos pero non aos africanos non católicos. A inmigración seguirá a aumentar, porque medran os factores de atracción (necesitamos man de obra) e tamén os de expulsión (as guerras, as ditaduras e as ansias de mellora).
A extrema dereita aliméntase en Europa co discurso da invasión, a delincuencia e que nos van mudar o modo de vida. A primeira vez que escoitei a palabra mena non sabía de que falaban, pero xa meteron esa leria na conversa diaria. A extrema dereita usa este asunto, como no pasado usou outros, para gañar apoios ao seu programa autoritario, contrario ás liberdades, á democracia e contrario ao outro. A solución é difícil, de entrada os principios universais do liberalismo: todas as persoas teñen os mesmos dereitos; asumamos que necesitamos inmigrantes, indaguemos como organizar que veñan na orde posible en vez de esperar a que avancen desertos, océanos e arames, rachemos a lei do máis forte que impón a extrema dereita xenófoba. Reunamos coñecementos para saber como organizar a chegada e a integración. Actuemos para que esa inmigración sexa o máis humana, ordenada e integrada na diversidade posible. Mellor a utopía que Albania, que só serve para torcer a política cara Meloni, non de solución: canto tempo os terán encerrados? Onde os mandarán despois?