Mercar o poder

OPINIÓN

Carlos Barria | REUTERS

22 oct 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

A perspectiva de que Donald Trump volva ser o presidente americano, a min ponme medo. E non só polo que el representa, polas súas mentiras instintivas, que parecen obedecer á lóxica dun delirio, nin por ese escintileo malvado da ollada nin esas incoherencias dirixidas a alterar o acougo dunha cantina. O temor vén por algunhas das persoas que o acompañan e o alentan. Nesa restra de parasitos que orbitan ao seu redor salienta Elon Musk, máximo expoñente da elocuencia dos cartos, que agora propón unha estratexia de incentivos, unha táctica sucia e pouco ética que consiste en prometer un millón de dólares ao día a votantes rexistrados en estados clave dos EE.UU. Que horror! Cadaquén pode facer o que queira cos seus cartos, mais se llelos dás ás persoas para que voten ou se rexistren para votar estás a transformar un dereito cívico nun intercambio económico. Esta perversión da democracia pode ser unha espita aberta para o resto do mundo, que xa non andará levando ás agachadas bolsas de cartos ás oficinas dos partidos nin carretando vellos en autocares para que vaian depositar as papeletas. Este novo desafío para motivar os votantes a base de cartos poderalle parecer ao influente Elon Musk un xeito efectivo e orixinal para que o seu amigo de comenencia acade outra vez a presidencia dos EE.UU. E, malia que ambos os dous saiban que este proceso, con pouca integridade e moito suborno, pode ter unha historia longa nos tribunais, tanto lles dá, porque esas vidas que só parecían estar consagradas ao puro egoísmo dos cartos e a vaidade agora o que están a facer é mercar o poder, e quen sabe se o mundo, por uns cantos millóns de dólares.