
O desenvolvemento da intelixencia artificial (IA) está a revolucionar todos os procesos sociais e económicos, así como a toma de decisións, anunciando un mundo distinto con máis capacidade en ámbitos como a medicina, a robótica ou a seguridade para, entre outros avances, previr enfermidades e epidemias ou mesmo catástrofes. Que unha ferramenta como ChatGPT fose capaz de arrastrar a cen millóns de usuarios en só dous anos reflicte a normalización cada vez maior do uso da IA.
A mobilidade de datos chegará case ao límite da velocidade da luz en menos tempo do soñado. Afloran retos para os operadores como o almacenamento desta información, pero tamén oportunidades para os territorios, que deberán procurar estar presentes na xestión dos elementos esencias da IA. Este gran potencial vén acompañado de esixencias vinculadas con recursos naturais, como son as necesidades enerxéticas e de auga que demandarán as TIC nos vindeiros anos e as ferramentas de bases de datos.
Hoxe hai dous modelos de soporte enerxético á IA, o que aposta polo «todo vale», que obvia a necesidade de redución de emisións e que fomenta o emprego de combustibles fósiles ou mesmo nucleares, e o que promove a UE, baseado na sostibilidade das enerxías renovables, capaces de conxugar os retos do progreso tecnolóxico e a loita contra o cambio climático.
Utilizar só enerxía renovable implicaría reducir do 30 ao 40 % as emisión de CO2 asociadas á intelixencia artificial. E precisamente na consecución deste obxectivo é onde o algoritmo verde se presenta como unha clara oportunidade para Galicia de protagonizar o despregamento dunha IA distinta a aquela que impera noutros lugares do mundo, onde non manexan o concepto de sustentabilidade.
En Galicia contamos con elementos xa determinantes para asumir un papel relevante a nivel europeo se somos ambiciosos e aceleramos o desenvolvemento dunha estratexia galega do algoritmo verde. Cales son esas fortalezas?
A primeira, o enorme talento que atesouramos aplicado ao campo da IA —talento que o Goberno galego debería recoñecer e pór en valor—coa existencia dun grupo de persoal investigador da Universidade de Santiago, con Senén Barro como director do Centro Singular de Tecnoloxías Intelixentes (Citius), así como da Universidade da Coruña e do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (Citic), que ten acadada a cátedra en Algoritmos Verdes, coas profesoras Verónica Bolón e Amparo Alonso ao fronte.
Esta cátedra da Estratexia Nacional en Intelixencia Artificial, que concede o Ministerio para a Transformación Dixital, nace co obxectivo de fomentar o desenvolvemento dunha IA respectuosa co medio ambiente e que, ademais, aporte solucións aos maiores retos ambientais, buscando reducir o impacto dos sistemas de información e comunicación, a mellora da eficiencia enerxética e a implantación de prácticas sostibles na xestión da auga e da enerxía dos sistemas.
En segundo lugar, Galicia acolle a sede da Axencia Estatal de Supervisión da Intelixencia Artificial (Aesia), que reforzará ese modelo de IA baseada na ética e na sostibilidade e que nos permitirá gañar máxima importancia nesta revolución. Requirirá dunha supervisión pública moi activa, dado os riscos que ameazan se se dá patente de corso ás tecnolóxicas.
Como terceiro punto, podemos avanzar na construción de centros de datos verdes, de deseño sostible, que alberguen computadoras, servidores e infraestruturas de almacenamento. Estas instalacións requiren duns equipos de refrixeración permanente, que consomen no seu conxunto máis enerxía da que utilizan algúns países. Faise necesario activar a captación de investimentos para executalos.
Polo tanto, Galicia non pode renunciar á enorme oportunidade que ofrece a IA para valorizar o talento tecnolóxico dos nosos centros públicos de investigación, fortalecer as sinerxías que deberá provocar a presenza da Aesia no noso país e, por último, captar investimentos que nos permitan, impulsando unha estratexia propia do algoritmo verde, estar na primeira liña do desenvolvemento tecnolóxico dunha maneira respectuosa co medio ambiente. Contamos coas mellores condicións. Aproveitémolas