Leite condensado

OPINIÓN

Susana Vera | REUTERS

23 nov 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

O presidente Pedro Sánchez non é santo da miña devoción, pero non me queda outra que recoñecer que ten as costas ben anchas para levar unha tras outra e saír, aparentemente, indemne de todas as liortas e acusacións que lle caen enriba. É un caso de estudo. Pouca xente ten sobrevivido a tanto e, por iso, a non ser que o empresario Aldama teña probas ben concretas para o acusar, dubido moito que el vaia caer por isto. Non me ten pinta de ser tan inocente como para caer nesa trampa. Ou si. Quen o sabe? Coido que Núñez Feijoo, un pouco impaciente, e talvez mal aconsellado, puxo de novo os bois por diante do carro e deixou que o seu portavoz aguzase de máis a aguillada, porque me estrañaría un mundo que o presidente picase como lle pasou á miña irmá cando eramos pequenos e eu a tentaba con aquelas latas de leite condensado que tanto nos gustaban e que a miña nai tiña gardadas para facer os biscoitos das festas. Lembro que eu, sete anos maior ca ela, abría un buraquiño e dicíalle que zugase un par de segundos, o mesmo ca min. Despois eu puña a lata nun estante máis alto ao que ela non chegaba, e durante non moitos días, ás agachadas, alí ía eu para dar conta de todo o leite restante. Iso si, cando estaban a piques de chegar as festas, a nosa corrupción doméstica era descuberta pola miña nai, que puña a voz no ceo ao atopar as latas baleiras. Daquela víase na obriga de nos castigar aos dous, que recoñeciamos ter encetado aquel líquido mesto e tan doce. A boa da miña irmá, que debía de ter tres aniños, malia se queixar do engano, partillaba a culpa comigo, algo que, estou certo, non vai facer Sánchez co tema de Aldama, porque sería unha bomba ben grande que el fose tan inocente como para encetar o leite desa lata.