
Sempre que toca facer algún tipo de recorte nos presupostos, educación ou sanidade, son as sinaladas; nesta ocasión tócalle a sanidade. Os funcionarios de Muface vanse ver directamente afectados pola nova que estamos a coñecer: todo apunta á desaparición de Muface, dado que ningunha aseguradora decidiu acollerse ao concerto que presentou o Goberno central.
Trátase de levar o debate cara ao dilema de se sanidade pública ou privada, pero realmente non se trata disto: a sanidade pública é moi boa, e a sanidade privada non supera a pública. O que realmente se está a encubrir, por un lado, é o aforro que lle vai supoñer ao Goberno central a desaparición de Muface, e, por outro, forzar ao funcionariado a subscribirse a unha póliza privada de saúde, posto que, co inminente ingreso dos funcionarios na Seguridade Social, o que vai acontecer é que o sistema de saúde quede tan colapsado que vai ser o camiño a seguir. E isto último xa non vai ser un problema só do funcionario, pasará a ser un problema de toda persoa no momento que teña que acudir ao sistema de saúde.
En Galicia son uns 40.000 usuarios os que se verán afectados. E, tendo como referencia a última memoria de Muface, que incluía ese dato, en Galicia hai 0,41 beneficiarios (fillos ou cónxuxes sen dereito propio a outra asistencia sanitaria) por cada titular.
Así se premia aos funcionarios, un colectivo que en épocas de crise sempre foi obxecto de recortes, sempre estamos aí. Pero, reitero, esta medida vai afectar directamente a todos os usuarios da Seguridade Social, é dicir, a todos. E eu pregúntome:
—Isto e avanzar?
—Isto é progreso?
Este Goberno, que cada vez que toma a palabra se cualifica a si mesmo de progresista... Pois permítanme que discrepe, isto non é avanzar cara a adiante. Baixar o rateo de alumnado de 25 a 20, aumentar o número de mestres, facer unha universidade gratuíta, como se fixo dende a Consellería de Educación da Xunta, son medidas que nos fan camiñar cara a adiante, como o demostra a recente nova que sitúa a Galicia líder de España en inglés e no nivel alto do mundo, tal e como o corrobora o estudo más amplo a nivel internacional que cada ano realiza Education First (EF).
Isto si é progresar. E diante desta situación, onde están os sindicatos? Nin pasan polos centros para ver o noso parecer, nin unha simple mensaxe aos correos dos centros. Nun momento así, só intentan desviar a nosa atención á defensa da nosa lingua, que por suposto é importante, pero igual agora urxe fixar a atención noutro espazo, no posible colapso do sistema sanitario.