O de Samuel non acabou

OPINIÓN

Cabalar | EFE

29 nov 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Xa está. O xurado popular do caso Samuel Luiz emitiu o seu veredito. Hai culpables e unha absolta. Pero aquí non acabou nada.

Hai uns días, dei cun documental no que, entre outros casos, se falaba tamén deste. A narración dos feitos comezaba lembrado que era a primeira fin de semana de «liberdade» logo do cativerio ao que nos tivera sometido a pandemia da covid-19.

Xa case non lembraba ese dato que é menos anecdótico do que semellaba nun principio. Ao longo do xuízo, repetiuse que os criminais deran caza á vítima, tratáronos peor ca unha manda de lobos, pois cazan para comer.

A cuestión é que todo ese tempo pechados sen saír puido provocar maior intensidade na violencia dos agresores, algo que non os escusa, por suposto. Agora, por fin, foron xulgados. Pero... e que? O recoñecemento do delito pouco amaña. Non só é imposible que nos devolvan a Samuel, ademais, quen asegura que estes individuos realmente senten a pena sobre as costas? As bágoas no xuízo non son garante de nada.

Impoñer castigos está ben no ámbito xudicial, pero só son efectivos cando os culpables se fan cargo deles, cando se arrepinten. Condenar e exculpar non é tan sinxelo. Ditaminar non culpable non exime tampouco de ter remordementos. Aí cadaquén...

O que quedou probado foi a motivación homófoba. Nunha sociedade avanzada coma esta, aquela fin de semana debera celebrarse a vida, a saúde... pero o odio á homosexualidade levounos á peor das mortes. E isto, por desgraza, non acabou. Non está erradicado.