Mercar é cada día máis caro. Todo! Pero falemos do básico: aceite, pan, leite... O custo disparouse. Por poñer un exemplo: o polo superou o prezo que hai pouco custaba a tenreira.
Antes ías ao supermercado, saías cun carro cargado e dábanche a volta dos cincuenta euros. Hoxe mercas os «extra», é dicir, nada de froita, verduras, carne ou peixe... e saes coa túa bolsiña, pero non chega o mesmo billete. Non hai moito que pensar: sinxelamente, é para preocuparse.
Moitas veces, ao saír da compra, compunxida, penso nun artigo que lera hai máis dun ano. Falaba dos sete euros de presuposto por paciente para o menú nos hospitais. Almorzo, xantar e cea. Para un cativo que vai á escola, tres. Eu, que teño mala memoria, non esquecín as cifras, en números gordos.
Por que? Porque me pregunto, abraiada, como o fan. Non dubido na resposta, pois é evidente. Fano da única maneira que se pode nestas condicións: mal. Sería un milagre conseguir preparar menús consistentes e abundantes. Absolutamente imposible. A realidade imponse. Agora ben, o foco hai que poñelo no lugar correcto. O problema é o presuposto que se paga por menú. Non podemos cargar contra os que, neses termos, traballan.
A alimentación é indispensable para o ser humano. Preocupámonos de que aos bebés non lles falte nada, pero as seguintes etapas da vida deben ser igualmente consideradas. Na infancia médrase, na vellez a enfermidade é moi perigosa. Coidemos dos nenos pequenos e dos grandes que, ademais, son sostén de moitas familias.